O director de Turismo de Galicia e o delegado da Xunta na Coruña participan en Abegondo na presentación das accións turísticas planificadas pola Reserva da Biosfera

A Xunta salienta os avances do Plan de Sostibilidade Turística das Mariñas Coruñesas dotado de 1,5 M€

É unha das 10 estratexias en destino incluídas no Plan Territorial do Litoral deseñado pola Xunta de Galicia con fondos europeos Next Generation

Os seus xestores avanzaron xa en algúns aspectos como a identificación de puntos para favorecer a mobilidade sustentable ou o proxecto piloto de sendas ecoturísticas

Xosé Merelles refírese á “oportunidade estratéxica” que supón aproveitar estes fondos “con accións que sigan contribuíndo a diversificar a oferta turística galega”

Abegondo (A Coruña), 16 de novembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participaron hoxe na presentación de varias actuacións turísticas desenvolvidas pola Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas, onde se referiron ao papel destas accións “para avanzar na diversificación do destino Galicia”.

En concreto, Xosé Merelles fixo mención ao “bo ritmo e a planificación” do Plan de Sostibilidade Turística das Mariñas Coruñesas, unha das 10 estratexias turísticas en destino incluídas no Plan Territorial do Litoral deseñado pola Xunta de Galicia con fondos europeos Next Generation. Como dixo, cun investimento de 1,5M€, a Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas “está a saber xestionar e organizar as accións previstas para reforzarse como destino de ecoturismo familiar de referencia, accesible e inclusivo”.

Estructurado en catro eixos e con accións a desenvolver nos 17 municipios das Mariñas coruñesas, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino céntrase na transición verde e sustentable, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Busca posicionar as Mariñas coruñesas como destino de ecoturismo que reduce e neutraliza a súa pegada de carbono e dinamiza o turismo xerando novos productos que aproveiten os recursos endóxenos, en moitos casos cunha xestión respectuosa. 

Destino ecoturístico

Tras asinar o convenio coa Xunta de Galicia en 2021 para transferir os fondos europeos de 1,5M€, segundo explicou o presidente da Reserva da Biosfera, José Antonio Santiso, xa realizaron o estudo para a descarbonización e compensación da pegada de carbono turística; tamén se están a realizar traballos para implementar unha fiscalidade verde nos municipios e a elaboración dunha guía de compra verde pública para a organización de actos e eventos públicos sustentables. Tamén se avanzou na realización de modelos de ordenanzas municipais como Destino Ecoturístico e instrucións tipo para fomentar a súa aplicación práctica para que sexan implantados por parte dos municipios do territorio.  

Ademais, como explicaron os seus xestores, estanse dando pasos no favorecemento da mobilidade sustentable e eficiencia enerxética, ao ter identificado os puntos e localización consensuada nos 17 concellos dos puntos de recarga eléctrica e se deron os primeiros pasos para a mellora da mobilidade mediante un proxecto piloto de sendas ecoturísticas da Biosfera

Xose Merelles salientou que a posta en marcha desde Plan de Sostibilidade Turística súmase a outras acción coas que a Xunta colabora co xeodestino a través dos máis de 45.000 euros anuais cos que se apoia ao xeodestino para impulsar a realizar tarefas formativas ao sector local en calidade, enogastronomía ou astroturismo, así como a consolidar os seus productos da man da producción e avanzar da man da accesibilidade e novas tecnoloxías aplicadas ao turismo.

Agradeceu tamén o labor da reserva galega por contribuir á calidade do destino Galicia, por terse convertido no seu día no primeiro destino de ecoturismo certificado en Galicia e tamén o primeiro en integrarse ao Club de Ecoturismo en España. Acreditado como Destino de Sistema de Calidade Turística desde 2019, fai unha importante aposta pola excelencia entre o sector do xeodestino. Tamén contan coa súa propia Marca de Calidade da Reserva da Biosfera, actualmente con máis de 60 empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023