A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou un protocolo de colaboración con ADEN

A Xunta promove a recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos a través dos establecementos distribuidores de electrodomésticos

Ángeles Vázquez salienta que o fomento da recollida dos RAEE é unha das liñas estratéxicas do Goberno galego en materia de refugallos

En 2022 recolléronse en Galicia 16.105 toneladas de RAEE, dos que 14.400 foron de orixe doméstica e 1.705 de orixe profesional

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia e a Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) asinaron un protocolo de colaboración para promover a recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), a través dos establecementos adheridos á entidade así como para fomentar a sensibilización da cidadanía en prácticas sostibles.

Tal e como recolle o documento asinado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente de ADEN, Wilson Fernández, o obxectivo desta iniciativa é facilitar que estes residuos se reincorporen ao ciclo produtivo mediante o seu correcto aproveitamento e evitar que rematen en vertedoiros incontrolados.

Nesa liña, logo de explicar que en Galicia ADEN conta con 535 establecementos adheridos con presenza en máis de 160 concellos, a vicepresidenta segunda fixo fincapé na oportunidade que supón este convenio para mellorar os datos de recollida en toda a Comunidade, o que supón un importante avance para reducir o impacto ambiental destes refugallos ao facilitar unha maior preparación para a recuperación.

Ángeles Vázquez tamén salientou que o fomento da recollida dos RAEE é unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de refugallos. De feito, a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia incorpora os mecanismos de intervención e control necesarios para garantir unha adecuada xestión dos refugallos ante a realidade global do cambio climático e a necesidade de avanzar cara a un modelo de economía circular.

Así, en 2022 recolléronse en Galicia 16.105 toneladas de RAEE, dos que 14.400 foron de orixe doméstica e 1.705 de orixe profesional. Cómpre lembrar que na Comunidade as entidades que recollen RAEE son os puntos limpos e outras canles de recollida municipal, as plataformas loxísticas de distribución a través dos puntos de venda, e os xestores privados autorizados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023