A Xunta abre o prazo para que os centros incorporen ás súas aulas o modelo de educación patrimonial Ponte... nas Ondas! recoñecido pola Unesco

Ata 20 centros poden solicitar ata o 30 de novembro incorporarse a esta iniciativa na que colaboran Consellería de Educación e a asociación pedagóxica

O obxectivo é contribuír, desde a escola, á salvagarda do patrimonio cultural inmaterial mediante espazos e accións para sensibilizar ás xeracións máis novas

Así se puxo de manifesto no congreso internacional ‘Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade’ que arrancou hoxe en Ourense

Ourense, 16 de novembro de 2023

Coincidindo coa celebración do 6º Congreso Internacional Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade, que organiza a asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas Ondas! en colaboración coa Xunta de Galicia, a  Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abrirá mañá, e ata o 30 de novembro, o prazo para que os centros que así o desexen se adhiran a este modelo de educación patrimonial recoñecido pola Unesco hai agora un ano.

Así se puxo de manifesto no decurso da primeira xornada deste encontro, que conta coa participación da directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, quen destacan a importancia da xuntanza con ocasión do 20 aniversario da Convención de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco.

Precisamente, atendendo ao relevante papel que pode desempeñar a escola na sensibilización ás xeracións máis novas no que atinxe á protección do patrimonio, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en incorporar ao seu sistema público o modelo internacional Ponte... nas Ondas!

Así, a través da convocatoria que xa se pode consultar no Portal Educativo, a iniciativa ábrese nesta primeira fase experimental a un total de 20 centros públicos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, que pasarán a formar parte da Rede de centros Ponte... nas Ondas!. Os interesados deberán presentar un proxecto e valorarase, entre outros aspecto, a participación no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares do curso 2022-23 e no programa Radio na Biblio.

Isto converte a Galicia en pioneira en contar con centros que traballan cun modelo de boas prácticas recoñecido pola UNESCO e que é referencia a nivel internacional, pois non existe ningunha rede de ensino formal impulsada desde un goberno. O noso sistema educativo será, así, un exemplo en materia de sensibilización co patrimonio na infancia.

Escola, radio, patrimonio e lazos coa lusofonía

O modelo Ponte... nas ondas! naceu da man da Asociación Cultural e Pedagóxica que leva o seu mesmo nome no ano 1995 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como fórmula para favorecer o estreitamento dos lazos entre a comunidade educativa das escolas do sur de Pontevedra e do Alto Minho co ámbito da lusofonía e para tender pontes de comunicación entre galegos e portugueses. A este obxectivo, en 2002 incorporouse o compromiso para a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial común para Galicia e Portugal. E o pasado ano, o XVII Comité Intergubernamental da UNESCO aprobou a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO como un modelo de referencia.

Agora, a Consellería de Educación, de xeito paulatino, vai incorporar este modelo ao sistema educativo público galego, a través do cal se busca reforzar a implicación dos nenos e mozos nas súas propias tradicións e crear conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial, a valorización do propio e garantir a transmisión ás novas xeracións ao tempo que seguir traballando en afianzar os lazos coa lusofonía e o vínculo con Portugal. Así pois, a través da participación en Ponte… nas ondas! os centros educativos contarán cunha serie de recursos e serán recoñecidos como centros Ponte... nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).

Programa do congreso internacional

No que atinxe ao congreso internacional Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade, arrancou coa conferencia de apertura a cargo de Aniceto Delgado, do Instituto Patrimonio Histórico Andalucía España, e David Felismino, do Icomos en Portugal. A axenda continuará ata o 18 de novembro con mesas redondas, reunións de traballo, conferencias, mesas de reflexión e intercambio, visitas, actuacións musicais e rutas. Ademais, o programa tamén inclúe a entrega de premios do 6º concurso As imaxes do patrimoniono que participa alumnado de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de Galicia e Portugal.

 

Data de actualización: 16/11/2023