O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación do encontro, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro en Pontevedra e terá unha extensión en Vigo

A Xunta renova o apoio á feira Culturgal nunha 16ª edición centrada na captación de públicos para a cultura galega

A Consellería de Cultura mantense como principal entidade patrocinadora e achega unha trintena de propostas ao programa xeral

Pontevedra, 16 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu este mediodía na presentación da 16ª feira Culturgal, que se desenvolverá do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e que, por vez primeira, estenderá a súa actividade fóra da cidade do Lérez para ofrecer un programa expandido o 23 e 24 de novembro en Vigo. Un ano máis, a Xunta de Galicia é a principal entidade patrocinadora desta feira sectorial, que inicia unha nova etapa baixo a dirección de Camilo Franco coa ollada posta na captación de públicos para a cultura galega e no avance dos fitos culturais que protagonizarán 2024 na nosa Comunidade.

Sutil, quen participou neste acto xunto ao presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, o novo director de Culturgal e os representantes doutras institucións colaboradoras, explicou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades continúa tanto coa súa achega económica á Feira das Culturas Galegas como coa súa colaboración no programa xeral, para o que está a preparar unha trintena de accións, incluíndo as que terán o seu epicentro no expositor institucional. “Alí, como cada ano, estaremos encantados de recibir a cantos queiran achegarse para afondar no papel da Xunta como promotora e impulsora da nosa cultura dentro e fóra de Galicia”, sinalou.

A cultura que vén en 2024

Entre as propostas coas que contribuirá directamente á organización do evento, que este ano conterá máis de 200 citas entre o programa xeral e a actividade dos expositores, o responsable de Industrias Culturais subliñou o avance dalgúns dos eventos impulsados pola Xunta e chamados a ocupar un lugar destacado no calendario cultural galego do ano que vén. É o caso, por exemplo, da celebración do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, a nova edición da aceleradora musical Sonemerxente, o proxecto Galiverso da Cidade da Cultura, a programación do Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta, as novas coproducións do Centro Coreográfico Galego, as residencias artísticas Rega ou o Proxecto Nós para a difusión da lingua galega na contorna dixital.

“Tamén apoiaremos de xeito directo a celebración de eventos tan diferentes e atractivos para o público xeral como o concerto de Leilía no marco da súa xira de despedida ou o campionato artellado xunto coa asociación Videoxogo.gal para tres videoxogos feitos en Galicia e con talento galego”, continuou.

Jacobo Sutil referiuse, así mesmo, á nova etapa que emprende a feira en 2023, da que destacou o redeseño dos espazos do recinto feiral, a programación expandida e unha selección de propostas “presidida polo obxectivo de incorporar máis público consumidor da cultura galega”.

Nomes como Bernardo Atxaga, Paula Carballeira, Yolanda Castaño, Jaione Camborda, Leilía ou a Orquestra Galega de Liberación terán un lugar destacado na programación deste ano, artellada arredor de recitais, proxeccións, obradoiros, presentacións, concertos e exposicións, entre outras propostas, e na que as actividades pensadas para o público infantil manterán a súa relevancia.

Un ano máis, a organización da feira corre a cargo da Asociación Culturgal, constituída pola Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023