Martina Aneiros visita os traballos de escavación e conservación do xacemento arqueolóxico do Castro de Sarridal

Os traballos realizados nesta escavación contan cunha achega de 17.000€ da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Os traballos forman parte do Plan de actuacións arqueolóxicas impulsado pola Xunta de Galicia para mellorar a conservación e divulgar o patrimonio máis senlleiro da Comunidade
 

Ferrol, 16 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Castro de Sarridal, un xacemento fortificado da Idade de Ferro de tipo costeiro, inaccesible desde o mar e defendido desde terra por dúas murallas precedidas polos seus respectivos fosos, no que o Goberno galego está levando a cabo traballos de escavación e conservación.

A delegada territorial estivo acompañada na visita polo director da campaña, Emilio Ramil, e representantes do concello de Cedeira.

A actuación que está actualmente en marcha forma parte do Plan de actuacións arqueolóxicas impulsado pola Xunta de Galicia para mellorar a conservación e divulgar o patrimonio máis senlleiro da Comunidade. Nesta ocasión, os traballos contan cunha achega de 17.061€ por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Dende o ano 2017 este xacemento arqueolóxico está sendo escavado en varias campañas. O máis destacado destas actuacións foi a localización dunha estrutura tipo sauna das denominadas “monumento con forno”, das que se conservan moi poucas en todo o Noroeste Peninsular. Foi escavada e consolidada xunto á estrutura o muro absidal e unha parte da muralla que defende o castro, que presenta un torreón defensivo adosado situado sobre o foso exterior.

O obxecto desta actuación é realizar traballos de escavación e consolidación nunha área do sector da terraza entre a primeira muralla e o foxo, onde na última campaña foron localizadas parte da estrutura de dúas construcións castrexas e unha galaico-romana, e continuar coa escavación da muralla.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023