Trenor supervisa o resultado das obras de rehabilitación integral do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, en Dodro, que contaron cun investimento de máis de 1,4 M€

O delegado da Xunta explicou que estas obras permiten que este centro conte con espazos máis innovadores, sostibles e confortables, acordes cos novos retos de futuro da educación

Esta obra enmárcase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que conta cun orzamento de máis de 243 millóns de euros

Dodro  (A Coruña), 15 de novembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Dodro, Xavier Castro, supervisou, esta mañá, o resultado das obras de rehabilitación integral que se están levando a cabo no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón que supoñen un investimento de máis de 1,4 millóns de euros. Nestes momentos, as obras están practicamente rematadas salvo parte das actuacións previstas nas fachadas e os últimos detalles no interior, algo que non interfire no desenvolvemento ordinario das clases.

Esta actuación supuxo a renovación integral de todo o edificio mellorando a súa eficiencia enerxética e a comodidade para os seus usuarios.

Segundo explicou Trenor a intervención inclúe a renovación de todo o envolvente da edificación: fachadas, cubertas e carpinterías; a substitución de todas as instalacións de luminarias e a mellora da accesibilidade coa construción de novas ramplas e renovación de pasamáns. Ademais, tamén se está levando a cabo a execución dunha pérgola na zona de acceso e a substitución da pérgola existente entre o edificio de primaria e secundaria.

A obra tamén contempla actuacións no interior do inmoble, coa reforma dos aseos de primaria e coa renovación da biblioteca actuando para que os espazos sexan máis iluminados e ventilados e renovando o chan.

A intervención completase co pintado completo do centro e coa mellora do revestimento no patio cuberto central. Tamén se realiza a substitución dos falsos teitos no interior, nos patios exteriores e no pórche do edificio de primaria.

Isto, segundo explicou o delegado, vai aliñado co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal impulsar novos espazos escolares “máis innovadores, sostibles e confortables, acordes cos novos retos de futuro da educación”.

Trenor lembrou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica incrementa, este ano, un 27 % o seu orzamento ata os 243 M€ para atender as necesidades de modernización dos centros. Esta folla de ruta de mellora dos centros foi aprobada no ano 2021 cunha inxección inicial de 191 M€ e agora amplíase noutros un 52 M€ adicionais. Nela inclúense todas as intervencións que se fan nos centros escolares co fin de que estean mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías, máis sustentables e máis confortables para alumnado e profesorado.

O delegado referiuse, tamén, aos distintos retos deste curso especialmente marcado pola crecente inflación. Como explicou, ante esta situación, a Xunta ten en marcha eficaces medidas como o incremento en axudas de libros de texto do 12 %, o fondo de préstamos ou o bono de material escolar, que chega este curso a un 40 % máis de familias, entre outras. “Estamos falando que aproximadamente o 70 % dos alumnos reciben algún tipo de axuda por parte da Administración galega”, salientou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023