A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na entrega do Premio Fundación Banco Sabadell á Sustentabilidade Mariña

A Xunta destaca a contribución da investigación e a innovación para lograr unha xestión sustentable dos recursos marítimos

Ángeles Vázquez salienta a labor da premiada, Elena Ojea, que aborda nos seus estudos a relación entre a sociedade e os océanos e os riscos do cambio climático

Vigo, 15 de novembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia do labor da investigación e da innovación para lograr unha xestión sustentable dos recursos marítimos.
 
Así o asegurou durante o acto de entrega do Premio Fundación Banco Sabadell á Sustentabilidade Mariña que foi concedido este ano á investigadora Elena Ojea, que, ademais de liderar o grupo Future Oceans Lab no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, foi a primeira galega en obter unha beca Starting Grant do Consello Europeo de Investigación. A vicepresidenta segunda puxo en valor a labor da premiada, que foi seleccionada polo seu traballo na adaptación e transformación dos sistemas socioecolóxicos mariños e na avaliación da vulnerabilidade e riscos fronte ao cambio climático.

A maiores, Ángeles Vázquez subliñou a importancia de premios como este para acadar o obxectivo de equilibrio ambiental, económico e social que “todos buscamos e que é prioritario para Galicia”.

A vicepresidenta segunda tamén quixo remarcar o papel de Galicia como gran espazo de colaboración entre o sector e a comunidade científica, que permite situar a nosa comunidade como un referente de compromiso coa transformación socioeconómica e ambiental de toda a actividade vinculada ao mar.

De feito, o vindeiro ano o Goberno galego destinará ao redor de 7 millóns de euros a investigación e innovación mariña e incrementará nun 40% as partidas orzamentarias destinadas a iniciativas como Redemar, unha iniciativa pioneira que permite conectar as necesidades profesionais do sector do mar coa actividade en I+D+i máis punteira. E, ademais, co obxectivo de comprender mellor os efectos do cambio climático nas nosas rías, melloraremos o Observatorio Costeiro de Galicia, onde colaboran MeteoGalicia, Intecmar e Cetmar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023