A Xunta aposta pola cooperación e o diálogo entre administracións fronte á priorización duns territorios sobre outros só por intereses partidistas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, clausurou a XI Asemblea Ordinaria da Federación Galega de Municipios e Provincias, onde reafirmou o compromiso do Goberno galego para apoiar aos concellos cun investimento récord de 602M€ o próximo ano

Destacou a necesidade de clarificar as competencias entre as administracións autonómica e local para evitar duplicidades e lembrou que a Xunta xa asume e destina importantes investimentos na actualidade ao financiamento de servizos que corresponden ás entidades locais

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta tarde na clausura da XI Asemblea Ordinaria da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), onde destacou a importancia de cooperación entre as administracións co obxectivo de garantir os mellores servizos á cidadanía en condicións de calidade. A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, interveu pola mañá na inauguración da asemblea.

Diego Calvo fixo referencia durante a clausura á influencia na economía dos concellos da “inestabilidade política” debido a “privilexios territoriais sobre a cidadanía”. En concreto, lamentou que “dar prioridade a uns territorios sobre outros só por intereses partidistas vai en detrimento da cohesión territorial e, no caso das entidades locais, na prestación de servizos eficientes de xeito homoxéneo con independencia do lugar de residencia”. Puxo como exemplo o traspaso das competencias do litoral ao País Vasco que Galicia tamén reclama e que o Goberno central lle nega.  

Na súa intervención, incidiu ademais na necesidade de definir e clarificar as competencias de cada administración, incluídas a autonómica e local, evitando duplicidades innecesarias. Tal e como se está a abordar nas reunións da comisión técnica que avalía os estudos da Xunta e da Fegamp sobre este tema, trátase de establecer as competencias que debe asumir cada administración e en que medida para logo cuantificar o custo de cada servizo e os recursos dispoñibles.

Cómpre aclarar que a Xunta xa asume competencias municipais e que destina cada ano importantes contías a estes servizos. É o caso do servizo de axuda ao fogar (SAF) que supón este ano supuxo un custo de 113 millóns de euros. Ademais, a Administración autonómica asume cada ano o 70% do custe de aplicar a lei de dependencia, cando debería ser asumido segundo a normativa á metade co Executivo estatal. Isto significa que o Estado lle debe a Galicia uns 200 millóns de euros anuais que afectan á prestación do SAF.

Entre outras competencias municipais asumidas pola Administración autonómica inclúense o servizo de limpeza de centros públicos integrados e dos gastos de calefacción destes centros e dos de Educación Infantil e Primaria e os Plurilingües; así como a subvención de parte do menú dos comedores escolares.

Por outra parte, só en 2024 destinaranse uns 118 millóns a infraestruturas hidráulicas de titularidade municipal para actuacións de abastecemento. Nos últimos anos, investíronse outros 26 millóns de euros na dotación de equipamento dos servizos de emerxencias da comunidade, de competencia tamén estritamente local.

O vicepresidente primeiro puxo de manifesto o esforzo da Xunta por levar a cabo un diálogo frutífero coa Fegamp que permita ofrecer solucións ás demandas da cidadanía e lembrou o compromiso do Goberno galego co financiamento das entidades locais. Nesta liña, destacou que Galicia foi pioneira en garantir a participación dos concellos nos orzamentos da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local (FCL), que en 2024 medrará nun 6% ata os 152 millóns de euros. Nesta contía, inclúense máis de 39 millóns de euros  -case un 30% máis que neste 2023- que corresponden ao fondo adicional destinado a sufragar os servizos dos concellos máis pequenos que máis dificultade teñen na súa prestación.

A contía total de transferencias ás entidades locais por parte da Xunta -incluíndo o FCL e outras axudas do Goberno galego- superará os 602 millóns de anos, o que supón incrementar aínda máis os 574 millóns de euros récord deste ano.

Precisamente coa finalidade de atender as necesidades dos municipios de menor poboación, a Xunta está a traballar na reforma da Lei de Administración Local de 1997 que, entre outras medidas, se adaptará á realidade demográfica galega actual ao proporcionar ás entidades locais en risco de despoboamento ferramentas que garantan a calidade dos servizos municipais. Trátase -engadiu o vicepresidente primeiro- de avanzar cara a un novo municipalismo do século XXI asentado na cooperación, na coordinación e na colaboración. Neste senso, a Xunta prima nas convocatorias de axudas públicas a cooperación entre os gobernos locais con fórmulas como as fusións, as agrupacións de concellos ou as mancomunidades de servizos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023