Román Rodríguez traslada á Comisión Europea o proxecto EdugalIA de intelixencia artificial aplicada ao sistema educativo galego

Reúnese co subdirector xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura da Comisión Europea, con quen comparte este proceso de dixitalización do ensino tanto no eido da aprendizaxe como no de xestión administrativa no que Galicia é pioneira

Visita tamén European Schoolnet co fin de reforzar lazos colaborativos con esta rede de 34 ministerios europeos a prol da calidade educativa e o impulso dixital

Bruxelas, 15 de novembro 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de manter unha xuntanza de traballo en Bruxelas co subdirector xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura da Comisión Europea, Arturo Caballero, a quen lle trasladou o proxecto EdugalIA, cuxa finalidade é incorporar a intelixencia artificial á xestión educativa, o que convirte a Galicia na primeira comunidade autónoma en integrar esta tecnoloxía no ensino galego.

Román Rodríguez explicou que EdugalIA se centra tanto “no eido da aprendizaxe como no da xestión educativa” a través de “tres ámbitos prioritarios” que son a gobernanza para mellorar o sistema e atallar dinámicas como o abandono escolar, o expediente dixital único que recolla o tránsito dun alumno ao longo da súa vida académica e a relación coas familias facilitándolles información do seu interese en torno ao sistema educativo no que están os seus fillos.

No decurso da xuntanza, o titular de Educación puido intercambiar impresións así como coñecer de primeira man as liñas de traballo que se están desenvolvendo desde a Comisión Europea. Tamén expresou o seu agradecemento por ser recibido por Arturo Caballero, en cuxa dirección está integrada unha profesional galega da educación, Nair Carrera, que traballa na unidade de Educación Dixital, que xestiona o Plan de Acción de Educación Dixital e o conxunto de recomendacións do Consello sobre educación e habilidades dixitais que se espera sexan adoptadas o 23 novembro tras o proceso de negociación e diálogo cos estados membros.

Nesta reunión, o conselleiro tivo a oportunidade de reflexionar con Naír Carrera sobre o uso da Intelixencia artificial e os datos na educación que a Comisión Europea publicou en 2022. Ademais, seguindo as Recomendacións do Consello, a reunión serviu tamén para reflexionar sobre o papel da informática ou das ciencias da computación de forma transversal no ámbito escolar.

Pola súa parte, o subdirector xeral recibiu o proxecto EdugalIA e recoñeceu a súa aliñación cos obxectivos do Plan de acción de Educación Dixital e o uso da ferramenta SELFIE, da cal en Galicia xa teñen participado máis de 188.000 usuarios en aproximadamente 1.200 escolas galegas.

A adopciñon das dúas recomendaciónsdo Cosnello sobre educación dixital e habilidades está prevista para o 23 de novembro, e Galicia está ben posicionada para implementar as prioridades estratéxicas do Plan de Acción de Educación Dixital 2021-2027, destacando iniciativas como Edudixtal 2030 e o Plan Dixital de Centro.

Mellora a través da tecnoloxía

Os retos de Galicia neste ámbito quedan recollidos na Estratexia de Educación Dixital 2030, “a nosa folla de ruta para, dunha banda, perfeccionar competencias dixitais do alumnado e, doutra, desenvolver un ecosistema educativo dixital empregando as novas tecnoloxías para mellorar o propio proceso”, abondou.

En todo caso, Román Rodríguez fixo fincapé en que a tecnoloxía “non é un fin en si mesmo, senón un medio que debe estar ao servizo das persoas”. A isto responden precisamente as accións concretas que xa está poñendo en marcha a Xunta e que Román Rodríguez expuxo en Bruxelas, como a dotación de Polos Creativos en todos os centros públicos, o establecemento dun Plan Dixital de Centro ou a implantación dun sistema propio -o primeiro de España- de Acreditación de Competencias Dixitais tanto para docentes como para alumnos e adultos.

Colaboración coa European Schoolnet

Na súa visita á capital europea, Román Rodríguez tamén visitou a rede de 34 ministerios de educación, European Schoolnet, onde foi recibido polo responsable da Aula do Futuro, Tommaso Dalla Vecchia, con quen abordou a participación de Galicia en diferentes proxectos europeos como eTwinning ou Code Week (a semana da programación) entre cuxos retos está o uso eficaz das novas tecnoloxías no ámbito do ensino, mellorar a calidade da educación en toda Europea e promover unha dimensión europea na educación.

Este encontro serviu para reforzar os lazos coa European Schoolnet, con quen a Consellería de Educación mantén unha estreita relación desde hai anos a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) que certifica os seus cursos de formación do profesorado en liña (MOOCs así como co CIEDix

Cómpre lembrar que un dos proxectos máis destacados froito desta relación é a Aula Nova de Galicia, ubicada no CAFI, que forma parte da rede rexional de Future Classroom Lab de centros innovadores punteiros. A través do CAFI tamén se canaliza a colaboración en proxectos de formación e intercambio de boas prácticas, na Semana da Programación (European Code Week, un proxecto que busca traer a programación e o pensamento computacional á aula e as escolas desde idades temperás.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023