O conselleiro do Mar participou na reunión deste organismo en Saint-Malo, Francia

Galicia e a Bretaña Francesa defenderán os intereses das rexións europeas do litoral como copresidentas do grupo de traballo marítimo e de pesca da CRPM

O titular de Mar participou no encontro que abre a 51º Asemblea xeral da CRPM e no que se celebra o primeiro medio século desta organización, que agrupa a 150 rexións de 24 Estados da UE suman máis de 200 millóns de habitantes

Alfonso Villares instou a reforzar esta colaboración institucional e sectorial para devolver o equilibrio entre os obxectivos medioambientais, sociais e económicos como os tres grandes piares da política pesqueira comunitaria

Saint-Malo (Bretaña, Francia), 15 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu hoxe a necesidade de colaborar con administracións de outras zonas da Unión Europea (UE) para acadar o ansiado equilibrio entre os tres piares sobre os que se debe sustentar a Política Pesqueira Común (PPC): os obxectivos medioambientais, os sociais e os económicos. Así o manifestou desde a localidade gala de Saint-Malo, o lugar onde Galicia e a Bretaña francesa estreitaron os seus vínculos nunha alianza ratificada por un feito histórico: o de compartir, como copresidentas, o liderado do Grupo Central de Traballo Marítimo e de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM).

O titular de Mar destacou que o gran obxectivo á fronte deste organismo será o de  defender os intereses das rexións comunitarias nas que a actividade do sector marítimo-pesqueiro é estratéxica, como é o caso en ámbalas dúas. O representante da Xunta fixo estas declaracións durante a participación na serie de encontros que abriron a 51º Asemblea xeral da CRPM, un encontro no que, ademais, se celebra o 50 aniversario desta organización, na que están agrupadas un total de 150 rexións de 24 Estados da UE que suman máis de 200 millóns de habitantes.

Un importante traballo de medio século que o responsable autonómico aplaudiu, pois permitiu identificar retos e obxectivos comúns para impulsar ao sector da pesca e a acuicultura, avanzando en conxunto en áreas como a formación o a sustentabilidade ambiental e a responsabilidade social no desenvolvemento do sector.

Alfonso Villares tivo palabras de agradecemento para Claire Hugues, vicepresidenta do Consello Rexional de Pays de la Loire e presidenta saínte do grupo de traballo especializado no mar dentro da CRPM, de quen destacou o seu firme compromiso coa defensa do sector. Ao mesmo tempo, o titular galego gabou o papel de Daniel Cueff, vicepresidente encargado do Mar e do Litoral da Bretaña francesa, e quen ocupará agora a presidencia compartida con Galicia no relevo á fronte do organismo especializado nos temas da cadea mar-industria na Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas.

Moitos foron os temas onde esta colaboración no seo da CRPM aportou posicións conxuntas, como a cooperación interrexional ou a defensa de intereses comúns ante as distintas instancias europeas en cuestións como a implementación dos fondos comunitarios. De singular relevancia foi a aprobación da súa posición política aprobada na anterior Asemblea Xeral, na que se defendeu un reequilibrio entre os obxectivos medioambientais, sociais e económicos na nova acción en pesca da UE onde a posición da comunidade galega, a primeira potencia do sector na UE, foi atendida.

Froito do Ditame elaborado no seo do Consello Galego de Pesca, man a man co seu sector mar-industria, Galicia defende, segundo destacou o conselleiro, unha nova política pesqueira comunitaria “máis social e de futuro”, preocupada pola remuda xeracional; “máis xusta”, cun comercio de produtos do mar onde o sector europeo teña futuro e traballe en igualdade de condicións que os doutros países; “máis sostible”, compatibilizando actividade económica e conservación da biodiversidade, á par que “máis verde” e resiliente ante o cambio climático, e que teña a “cogobernanza global” co sector como base para a sustentabilidade da actividade.

Retos comúns

O obxectivo da Xunta de Galicia é contribuír, xunto coas outras rexións pesqueiras europeas como a Bretaña gala, a que as demandas das zonas costeiras sexan escoitadas, entendidas e tidas en conta nunha necesaria actualización da normativa pesqueira comunitaria. Alfonso Villares sinalou que esta unión é máis importante ca nunca, sobre todo despois das últimas decisión da Comisión Europea como o veto á pesca de fondo e un plan de acción para a conservación dos recursos pesqueiros que desatende o plano social e económico da pesca e atende só ao ambiental. “No equilibrio está a clave”, dixo.

O titular de Mar galego sinalou tamén que estamos nun momento clave, como proba a firma da Declaración de Cardiff 2023 na Comisión do Arco Atlántico, a través da que se demanda a configuración dunha macrorrexión Atlántica que desde Galicia se considera xustificada e se demandou á Presidencia española da UE que sexa unha prioridade política.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/11/2023