A Xunta colabora coa carreira solidaria contra o cancro que acolle Monforte de Lemos o 26 de novembro

Monforte de Lemos (Lugo), 15 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia apoia á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para promover unha carreira solidaria en Monforte de Lemos o 26 de novembro. A finalidade é recadar fondos para seguir mellorando a vida das persoas que sofren esta enfermidade e a das súas familias, ademais de impulsar a investigación oncolóxica.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou no transcurso da presentación que o Goberno galego colabora cos gastos de organización da carreira e da andaina. Haberá un circuíto urbano de cinco quilómetros que partirá ás 12.00 horas da praza da Compañía. O prazo de inscrición está aberto e tamén hai a posibilidade de colaborar cun dorsal solidario para aquelas persoas que non poidan participar na actividade.

Arias apuntou que o Goberno galego leva anos colaborando activamente coa AECC e resaltou que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia, co obxectivo de reducir a incidencia desta patoloxía e mellorar a atención aos pacientes. Dentro das medidas impulsadas, fixo fincapé nos programas de cribado de cancros como o de mama ou colorrectal; e nos investimentos da Consellería de Sanidade para dotar de alta tecnoloxía os hospitais públicos. Nese sentido, destacou algunhas das actuacións máis recentes no hospital comarcal de Monforte de Lemos, como a incorporación dun novo TAC este mesmo ano ou a recente reforma do hospital de día oncohematolóxico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023