A Xunta apoia o protocolo pioneiro no estado para a prevención e actuación en casos de acoso sexual e por razón de sexo nas artes escénicas

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación oficial do protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual e por razón de sexo nas artes escénicas elaborado pola Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escea) e que contou co apoio da Xunta, a través da Secretaría Xeral da Igualdade.  

Trátase dun documento que desenvolve non só a ferramenta normativa, senón tamén a posibilidade de seguimento, acompañamento e asesoramento ás vítimas por medio de procesos de colaboración co Consello da Avogacía Galega e co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. No acto, ademais, tivo lugar a sinatura por parte das nove entidades que participan neste proxecto, pioneiro no Estado.

Vázquez apuntou que na Xunta existe un “firme compromiso” de crear un ambiente seguro e respectuoso no ámbito das artes escénicas e lembrou que a loita contra o acoso sexual e a discriminación de xénero é “un esforzo conxunto” que require da colaboración de todas as persoas e organizacións implicadas. “Sigamos traballando xuntos para que as artes escénicas en Galicia sexan un espazo onde a creatividade floreza sen medo nin discriminación”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023