A Xunta presenta en Bruxelas o seu modelo de formación para o emprego co obxectivo de dar unha resposta áxil e eficaz ás demandas do mercado laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, comezou hoxe a súa viaxe a Bruxelas cunha intensa axenda de reunións
 

Expúxolle á directora de Emprego e Capacidades da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da CE, Manuela Geleng, o proxecto da Rede de centros asociados de formación cunha alta especialización, por exemplo en conducción por estrada, para satisfacer as demandas formativas no momento que se producen
 

Avogou polas microcredenciais para reducir a fenda entre o mundo académico e a forza laboral
 

Rivo deu a coñecer na capital da UE estes novos proxectos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co propósito de atraer fondos europeos
 

Bruxelas, 15 de novembro 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, comezou hoxe a súa viaxe a Bruxelas cunha intensa axenda de reunións entre as que destacaron o encontro que mantivo na Fundación Galicia Europa cun grupo de galegos que traballan nas institucións comunitarias; e a xuntanza coa directora de Emprego e Capacidades da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, Manuela Geleng, para abordar a Axenda Galega de Capacidades e o uso do Fondo Social Europeo en Galicia.

Rivo aproveitou esta última reunión para expor os avances de Galicia en materia de formación para o emprego, un modelo que, segundo apuntou, redunda nunha mellora da produtividade e a competitividade empresarial. Referiuse na xuntanza á Axenda Galega de Capacidades, un gran pacto social pola formación para o emprego en Galicia, e aos proxectos cos que o Goberno galego busca dar unha resposta áxil e eficaz ás demandas do mercado laboral.

Deste xeito, a previsión da Xunta en 2024 é impulsar unha Rede de centros asociados de formación para o emprego co obxectivo de satisfacer as necesidades formativas no momento que se producen, cunha alta especialización que permita dotar ao tecido produtivo de persoal cualificado.

Esta Rede permitirá a posta en marcha, entre outros, dun centro especializado en conducción por estrada no que se poderá impartir formación que permita ao alumnado obter todas as acreditacións que precisan para desenvolver a súa ocupación.

A formación que se imparta nestos centros estará dirixida prioritariamente a personas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Microcredenciais

Doutra parte, Rivo tamén fixo fincapé no modelo das microcredenciais que está a impulsar Galicia para ofrecer unha verdadeira oportunidade para as persoas traballadoras e empregadoras, xa que ofrece unha solución en sectores en continúo cambio, é flexible e complementario ao sistema educativo, reduce a fenda entre o mundo académico e a forza laboral e é inclusivo ao axudar a diminuír a fendade habilidades.

É a propia Unión Europea a que aconsella o uso das microcredenciais como instrumento innovador para apoiar aos traballadores no desempeño do seu traballo ou durante transicións profesionais.

Tras esta xuntanza Rivo reuniuse con Colin Scicluna, xefe de gabinete da vicepresidenta de Democracia e Demografía da Comisión Europea, Dubravka Suica, para falar sobre políticas de emprego e emprendemento no rural e para combater a loita contra o despoboamento.

Rivo, deste xeito, deu a coñecer ás autoridades europeas os proxectos punteiros da Xunta en materia de emprego para atraer fondos europeos para apoiar o seu desenvolvemento.  

A axenda de mañá

Rivo prosegue mañá coa súa axenda institucional en Bruxelas cun encontro coa directora de Estratexia e Análise Económica da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEME da Comisión Europea, Outi Slotboom, para falar das iniciativas de emprendemento en Galicia. Nesta mesma xornada, a conselleira de Promoción do Emprego participará no European Employment & Social Rights Forum 2023, onde está previsto que manteña un encontro co comisario de Emprego, Nicolas Schmit.  

Posteriormente, Rivo intervirá neste foro, xunto coa ministra de Transformación Dixital e viceministra para a integración na UE de Ucraína, Valeriya Ionan, nunha mesa sobre dixitalización e o futuro do traballo, onde presentará EMi, a nova ferramenta de emprego da Xunta de intelixencia artificial para casar oferta con demanda laboral.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023