A Xunta publica no DOG os actos expropiatorios para a construción do novo Hospital público da Coruña

As expropiacións, que suporán un investimento de 17 M€, permitirán seguir avanzando neste proxecto declarado de interese autonómico que permitirá a execución do Novo CHUAC
 

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar os días 11, 12 e 13 de decembro no servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña
 

O proxecto prevé como principal ámbito de actuación Curramontes, onde está o actual complexo e onde se realizarán as obras de renovación e ampliación e os accesos

Executarase un novo anel viario que distribuirá os accesos ás diferentes áreas do hospital e un aparcadoiro soterrado para resolver os problemas de aparcadoiro
 

O segundo ámbito previsto é Pedralonga, onde se acometerá a urbanización residencial para facilitar o realoxo de afectados polas expropiacións de vivendas
 

O Novo CHUAC suporá un investimento da Xunta de máis de 500 M€ e permitirá blindar a atención a 550.000 pacientes da área sanitaria da Coruña e Cee
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a convocatoria, neste vindeiro mes de decembro, dos actos expropiatorios necesarios para levar a cabo a construción do Novo Hospital Público da Coruña. 

As expropiacións, que suporán un investimento de 17 millóns de euros, permitirán seguir avanzando neste proxecto declarado de interese autonómico que permitirá a execución do Novo CHUAC

Tal e como recolle o DOG de hoxe, o levantamento das actas previas á ocupación terá lugar os días 11, 12 e 13 de decembro, das 10,30 ás 12,50 horas, na sede provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, na Coruña. Así mesmo, convocaranse os interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231115/AnuncioG0181-081123-0001_gl.html 

Cómpre destacar que a consideración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA) permite simplificar e darlle unha maior celeridade aos trámites necesarios para executar unhas obras que consolidarán a posición do complexo hospitalario coruñés como centro sanitario de referencia a nivel nacional. 

A Xunta realizará un investimento que superará os 500 millóns de euros nun proxecto que representa a partida económica máis importante do Executivo Galego no que atinxe á mellora da rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde e que permitirá blindar a atención a 550.000 pacientes da área sanitaria da Coruña e Cee. 

Así, o proxecto do Novo CHUAC recolle actuacións que teñen dous emprazamentos. O primeiro deles sitúase na zona de Curramontes, de 11 hectáreas de superficie, onde está situado o actual complexo e onde se realizarán as obras de renovación e ampliación e os novos accesos. 

Nesta contorna, disporase un novo anel viario que servirá de distribuidor dos accesos ás diferentes áreas do hospital. Construiranse dous aparcadoiros soterrados, un principal e outro para urxencias e consultas externas, para solucionar os problemas de aparcamento e a conexión desde a avenida da Pasaxe (AC-12). Resérvase, ademais, unha parcela destinada a gardería infantil. 

O segundo ámbito correspóndese coa zona de Pedralonga, de 2,9 hectáreas, onde se acometerá unha urbanización residencial para facilitar o realoxo aos afectados polas expropiacións de vivendas. O sector está situado entre a avenida de Pedralonga/Monserrat e a avenida da Pasaxe, ao sur dos edificios do Oncolóxico, nuns terreos con suave pendente e vistas sobre a ría. O proxecto abrangue unha rúa de nova apertura de directriz norte-sur que descolga da avenida de Pedralonga mediante un cruce á altura da futura glorieta da Fábrica de Armas. Nese ámbito, proxéctanse catro cuarteiróns onde se poderán construír 17 novas vivendas, un pequeno establecemento comercial, un equipamento público e unha zona verde.  

Co efecto de mitigar, no posible, o efecto negativo sobre os expropiados, o Proxecto de Interese Autonómico prevé realizar unha urbanización residencial en Pedralonga, para dar cabida a 17 vivendas, compensando aos interesados con soares edificables co obxecto de facilitarlles unha nova residencia. 

Ademais, o Proxecto de Interese Autonómico tamén establece as determinacións necesarias para a axeitada coordinación cos ámbitos urbanísticos lindeiros. 

Impulso das obras do Novo CHAUC

De xeito paralelo á tramitación dos documentos precisos para a execución do proxecto do Novo CHUAC, o Executivo galego xa avanzou naquelas actuacións que non precisaban da declaración de Proxecto de Interese Autonómico. 

Atópanse agora mesmo en proceso de contratación as obras para a demolición do actual Hotel de Doentes, por un importe de 1,3 millóns de euros; a construción da nova Torre Polivalente, por valor de 35 millóns de euros; e a execución da obra dos accesos, por 24,8 millóns de euros.  

O Executivo prevé que a adxudicación destes contratos teña lugar durante o outono. Así, a Torre Polivalente será a primeira edificación do novo CHUAC e prevese que as obras se poidan iniciar entre finais deste ano e comezos de 2024.

Data de actualización: 15/11/2023