A Xunta pon en valor o programa piloto desenvolvido con EAPN Galicia que permitiu mellorar a empregabilidade de 600 persoas en exclusión social

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participaron nun simposio no que EAPN Galicia fixo balance da iniciativa e aplaudiu o case 40 % de inserción laboral acadada

A atención individualizada a persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral ordinario foi unha das claves do éxito

Fuentes referendou o compromiso da Xunta co emprego inclusivo a través das fórmulas da economía social e da colaboración co Terceiro Sector

Parrado lembrou que o Goberno galego incrementará o vindeiro ano 2024 o orzamento destinado á inclusión social ata os 153 millóns de euros e agradeceu a EAPN-Galicia o seu traballo diario nesta materia

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, puxo hoxe en valor a colaboración deste departamento coa Rede Galega contra a Pobreza-EAPN Galicia, que permitiu desenvolver en 2022 e 2023 un programa piloto que implicou a catorce entidades do Terceiro Sector. A iniciativa permitiu mellorar a empregabilidade de máis de 600 persoas en situación ou en risco de exclusión social. Fuentes acudiu ao Simposio A inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas organizado por EAPN, onde se fixo balance desta iniciativa de éxito impulsada pola Xunta, acompañado do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

O secretario xeral técnico incidiu na “boa acollida” do programa piloto para a empregabilidade de persoas vulnerables, desenvolvido no marco dun convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e EAPN, cunha dotación económica de 2,1 millóns de euros. Entre os seus fitos, Fuentes subliñou que a iniciativa conseguiu chegar a 600 persoas nestes dous anos e duplicou os obxectivos de inserción, pasando do 20 % inicialmente comprometido a rozar o 40 %.

Parte do éxito radicou no traballo en rede pola inclusión socio laboral e no enfoque integral da iniciativa, que atendeu de xeito individualizado a cada unha das persoas, destacou Fuentes. 

O representante da Consellería lembrou que as políticas de emprego inclusivo que promove a Xunta de Galicia “queren facilitar ás persoas con dificultades, nomeadamente ás que teñen risco ou se atopan en exclusión social, as ferramentas necesarias para que conten con máis e mellores oportunidades”. Trátase, como indicou, de darlles motivacións e as competencias e capacidades cara a súa incorporación no mercado ordinario.

Non menos importante é para a Xunta poder dispor do Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral de persoas vulnerabilizadas, deseñado tamén coa colaboración con EAPN. “Aplaudimos a exhaustividade deste traballo elaborado durante o período de execución do programa, que nos achega información valiosa para continuar avanzando por esta senda, afirmou Fuentes.

O secretario xeral técnico de Promoción do Emprego mostrouse partidario, noutro eido de cousas, por seguir a impulsar os modelos “inclusivos” que promove a economía social por situar ás persoas no centro, antepoñendo os beneficios sociais e colectivos á rendibilidade financeira e pola súa aposta “pola igualdade de oportunidades e pola inserción de persoas en risco de exclusión”.

O acceso ao emprego é un piar fundamentan do compromiso da Xunta coa igualdade e a xustiza social. “A inclusión laboral fomenta unha sociedade máis xusta, onde todos os cidadáns teñen a oportunidade de prosperar e contribuír ao benestar”, rematou Alberto Fuentes, quen tendeu a man a seguir a colaborar co Terceiro Sector para avanzar no emprego das persoas que enfrontan maiores dificultades.

Increméntase o orzamento en inclusión

Pola súa banda, o director xeral de Inclusión Social lembrou que o Goberno galego confía nas entidades do terceiro sector para impulsar medidas que beneficien ás persoas en risco de exclusión. Neste sentido, agradeceu a EAPN-Galicia o seu esforzo diario por ofrecer ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade unha segunda oportunidade.

Así mesmo, Arturo Parrado sinalou que a Xunta de Galicia reforará o vindeiro ano 2024 os seus orzamentos en materia de inclusión social. Concretamente, as contas do Executivo autonómica incrementaranse nun 3 % o vindeiro exercicio ata acadar os 153 millóns de euros. Uns fondos que teñen como obxectivo estar ao carón de todas aquelas persoas que precisan “dun impulso para seguir adiante”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023