A Xunta subliña en Valencia o seu compromiso cunha política enerxética ao servizo da cidadanía

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou no encontro ‘Energy Global Expo & Congress’, onde destacou a recente creación da sociedade mixta Recursos de Galicia

Lembra que o desenvolvemento das renovables na Comunidade está ligado á posta en marcha de numerosos proxectos industriais
 

Valencia, 14 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe en Valencia o compromiso da Xunta cunha política enerxética ao servizo da cidadanía, conseguindo vantaxes tanto a nivel local como a nivel industrial, e subliñando que o desenvolvemento das renovables en Galicia está ligado á posta en marcha de numerosos proxectos industriais.

Fernández Vila, que participou nunha mesa redonda con representantes doutras comunidades autónomas dentro do encontro Energy Global Expo & Congress. Feria de Energías y transición ecológica, lembrou, dentro da aposta do Goberno galego por garantir que a xestión da riqueza natural se traduza en beneficios para a sociedade, a creación onte mesmo de Recursos de Galicia, que participará directamente en proxectos de xeración de enerxías verdes, de aproveitamento da riqueza mineira ou iniciativas que requiran concesións de augas.

Na súa intervención, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais salientou que a Xunta de Galicia aposta polas renovables non só para cumprir os obxectivos de descarbonización e pola necesidade de reducir o consumo de combustibles fósiles, senón tamén porque pode contribuír á redución da factura enerxética tanto para os cidadáns como para o tecido empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023