O presidente da Xunta participou na entrega do XVII Premio Familia Empresaria de Galicia, que este ano recaeu no grupo farmacéutico Zendal, pertencente á familia Fernández Álvarez-Santullano

Rueda destaca o clima de confianza e estabilidade que ofrece Galicia ás empresas familiares para que sigan a ser un dos principais motores da economía galega

Salienta que este tipo de compañías representan máis do 92 % do tecido empresarial

Pon o Grupo Zendal como exemplo do potencial destas empresas capaces de “marcar tendencia” e contribuír a situar Galicia como un dos polos da biotecnoloxía en España e Europa

Nigrán (Pontevedra), 14 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o clima de “confianza e estabilidade” que Galicia ofrece ás empresas familiares para que continúen a ser un dos principais motores da economía galega, xa que  representan máis do 92 % do sector.

Nesta liña, defendeu a colaboración e alianzas da Administración pública co sector privado, especialmente nos momentos complicados actuais, e amosou o compromiso e apoio do Goberno galego co mantemento e crecemento do sector empresarial, en referencia ao impulso por parte da Xunta de iniciativas, redución de burocracia, melloras no acceso ao solo, á colaboración na captación de talento, á prestación do apoio económico ou o fomento do emprendemento.

Así o puxo en valor durante a entrega do XVII Premio Familia Empresaria de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Empresa Familia, e que este ano recaeu no grupo farmacéutico Zendal, pertencente á familia Fernández Álvarez-Santullano. O mandatario galego estivo acompañado pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

Rueda puxo en valor a entrega desta galardón a este grupo familiar, ao que erixiu como exemplo dos valores deste modelo de empresas por representar “responsabilidade e arraigamento á terra” nun mundo “tan complicado e competitivo” como a biotecnoloxía.

Galicia, un dos polos de  biotecnoloxía en España e Europa

Neste senso, Rueda lembrou que Galicia é un dos polos de biotecnoloxía en España e Europa e advertiu que isto non é produto da “casualidade”, senón da contribución do traballo e esforzo de empresas galegas, como o Grupo Zendal, que apostan pola investigación e polo I+D e son capaces de “marcar tendencia”.

Precisamente, Galicia é a comunidade autónoma que máis empresas biotecnolóxicas creou o pasado ano e a aposta do Goberno galego por este eido queda reflectida a través da Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico 2021-2025 coa que se espera mobilizar máis de 660 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023