A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausurou hoxe en Santiago a Xornada sobre solucións ambientais para entidades locais

A Xunta destinará máis de 5,5 M€ á posta en marcha de 3 oficinas técnicas para asesorar en proxectos fronte ao cambio climático e iniciativas de xestión de residuos

Ángeles Vázquez avanza que en 2024 o seu departamento activará o servizo Galicia resiliente para impulsar refuxios climáticos e outros dous de apoio e consulta sobre iniciativas de economía circular: un para entidades locais e outro para empresas

Salienta que o compromiso de Galicia coa transición ecolóxica iniciado no ano 2019 require seguir apostando por iniciativas como a Alianza galega polo clima, que tratan de implicar neste camiño a administracións, sector empresarial e tecido social
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

A Xunta destinará máis de 5,5 millóns de euros nos vindeiros anos a poñer en marcha e manter 3 servizos de asesoramento especializados dirixidos tanto a entidades locais como a empresas interesadas en impulsar proxectos para mitigar os efectos do cambio climático ou relacionados cunha xestión eficiente dos residuos.

Durante a clausura da Xornada sobre solucións ambientais para entidades locais organizada hoxe en Santiago pola Xunta, en colaboración co Club de Excelencia en Sostibilidade e o clúster de empresas do sector Viratec, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou a entrada en funcionamento destas novas ferramentas o vindeiro ano e enmarcounas no apoio expreso da Xunta a aquelas administracións públicas e entidades privadas comprometidas co medio ambiente e a súa protección.

En concreto, explicou que a comezos de 2024 o seu departamento impulsará a iniciativa Galicia resiliente, un servizo pioneiro de asesoramento técnico e altamente especializado que axudará aos concellos adheridos ao Pacto das alcaldías —actualmente 288— así como ás entidades asinantes da Alianza galega polo clima a impulsar proxectos que incrementen a resiliencia de Galicia ante o quecemento global e a buscar vías de financiamento para poder executalos.

Así mesmo, a vicepresidenta tamén explicou que o ano que vén se porán en marcha dúas oficinas técnicas (unha con sede física e a outra con servizo telemático) co fin de apoiar e implicar aos distintos actores involucrados no impulso da economía circular na Comunidade na execución de distintos tipos de medidas e iniciativas.

Unha delas, a oficina física, prestará apoio experto en materia de residuos municipais ás entidades locais responsables da súa xestión para axudalas a avanzar cara á economía circular; mentres que a outra ofrecerá servizos en liña de consultoría especializada dirixidos a empresas, co fin de axudalas na implantación de modelos económicos sostibles e climaticamente neutros.

Para rematar a súa intervención, Ángeles Vázquez aproveitou a presencia na xornada de 95 representantes do sector público e privado interesados no medio ambiente e na busca de solucións á altura dos desafíos que ofrece o cambio climático, para poñer en valor o compromiso de Galicia coa transición ecolóxica. Un camiño que, lembrou, se iniciou no ano 2019 coa aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e da Estratexia galega de economía circular 2019-2030, dúas ferramentas que situaron á Comunidade nunha posición “de vangarda”.

Na mesma liña, a vicepresidenta incidiu na importancia da “acción local” para avanzar cara ao obxectivo da neutralidade climática, destacando neste eido as axudas que acaba de conceder o seu departamento para apoiar a 20 concellos de menos de 100.000 habitantes adheridos ao Pacto das alcaldías na posta en marcha de proxectos innovadores que contribúan, por exemplo, á creación de refuxios climáticos.

Por último, subliñou que ese compromiso coa transición ecolóxica de Galicia require tamén de seguir apostando por iniciativas como a Alianza galega polo clima, que tratan de implicar a administracións, sector empresarial e tecido social no impulso de solucións conxuntas e de medidas de mitigación e adaptación aos efectos do quecemento global.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023