A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade clausurou o Congreso Extraordinario do Sector Federal Ferroviario de FeSMC-UGT, en cuxa inauguración participou a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana

Ethel Vázquez reclama que o Goberno de España complete a renovación das infraestruturas e reforme a xestión dos servizos do ferrocarril galego para que teña futuro

Vázquez Mourelle salienta o carácter fundamental que ten para Galicia o ferrocarril, que é, tamén, motivo de preocupación común por mor da degradación dos servizos

Apunta que contar cun ferrocarril de calidade exixe que o Goberno complete a renovación das infraestruturas, conectando Lugo e Ferrol coa rede de alta velocidade

Urxe a modernización das liñas A Coruña-Lugo e Ourense-Vigo ou o impulso con determinación dunha conexión en alta velocidade entre Galicia e Portugal

Reitera que o Goberno tamén debe achegar un calendario certeiro para a chegada a Galicia dos trens Avril

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reclamou hoxe que o Goberno de España complete a renovación das infraestruturas e reforme a xestión dos servizos de ferrocarril galego para garantir o seu futuro.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, clausurou hoxe o Congreso Extraordinario do Sector Federal Ferroviario de FeSMC-UGT. Na inauguración participou, previamente, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Vázquez Mourelle explicou que en Galicia o ferrocarril ten un carácter fundamental para a vida dos cidadáns, pero está a ser unha preocupación común por mor da degradación dos servizos como consecuencia dunha xestión que é “mellorable”.

Insistiu en que contar cun ferrocarril de calidade e con futuro exixe que o Goberno complete a renovación das infraestruturas. Así,  referiu a necesidade de conectar Lugo e Ferrol coa rede de alta velocidade, dotando o FEVE duns estándares mínimos de calidade, así como modernizar as liñas A Coruña-Lugo e Ourense-Vigo ou de impulsar con determinación unha conexión en alta velocidade entre Galicia e Portugal.

Reclamou, tamén, unha actuación para mellorar a xestión dos servizos, cun calendario certeiro para a chegada a Galicia dos trens Avril, a reposición das frecuencias que foron anuladas por mor da pandemia e que seguen sendo demandadas polos viaxeiros e cunha oferta de frecuencias suficiente para atender ao conxunto da demanda nos principais corredores.

Ademais, salientou a importancia de dimensionar adecuadamente as plantillas de persoal para asegurar que todos estes obxectivos sexan posibles a medio prazo.

Destacou o diálogo con representantes sindicais para conseguir superar o reto da renovación do mapa concesional de transporte por estrada en Galicia. Lembrou que a Xunta logrou facer viable un sistema de transporte con 3.500 liñas nunha comunidade con especial orografía e dispersión territorial.

Subliñou que hoxe o transporte público autonómico chega onde antes non chegaba, os traballadores teñen un futuro laboral e todos os axentes implicados manteñen unha canle de diálogo fluída.

Neste sentido, avogou por que os responsables públicos con competencias en materia de transporte escoiten aos profesionais do sector para atender as necesidades na medida do posible e contribuír á prestación de mellores servizos aos cidadáns.

Axilidade administrativa, solo industrial e infraestruturas modernas

Pola súa banda, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, que participou na inauguración do congreso, puxo de manifesto o traballo da Xunta para que Galicia avance, e para que o faga nun marco de estabilidade e certezas, que é o que necesita a economía, dixo. Ao respecto, apuntou que a axilidade administrativa, xunto cunha política favorable de acceso ao solo industrial e unhas infraestruturas de comunicación modernas, son factores fundamentais para xerar músculo industrial.

Nesta liña, aseverou que Galicia non vai renunciar a obter un compromiso explícito do Goberno co Corredor Atlántico, que é unha infraestrutura clave para o ecosistema económico de todo o noroeste. “Ao tecido empresarial galego e ás asociacións de empresarios non podemos pedirlle máis porque están a dalo todo para que se nos escoite”, recoñeceu, avogando polo diálogo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023