O delegado territorial da Xunta na Coruña visitou as instalacións de Einstein Formación nas que se están a impartir seis cursos de Accións Formativas para Desempregados

Trenor informa que a Xunta impulsa, con máis de 2M€, 28 cursos de accións formativas para desempregados e un obradoiro para 440 persoas de Carballo

A Xunta de Galicia destinará nos orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 mi-llóns de euros, dos que máis de 117 millóns destinaranse ao novo Plan galego de forma-ción para o emprego, un 12,9% máis que en 2023

Carballo (A Coruña), 13 de setembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, o centro de formación Einstein Formación que está a impartir seis curso AFD (Accións Formativas para Desempregados) dentro da oferta que financia a Xunta de Galicia a entidades e concellos. Durante a visita, o representante do Goberno autonómico informou que o Goberno galego financiará neste Concello 28 cursos AFD e un obradoiro de emprego que permitirán formar a 440 persoas sen emprego de Carballo, 420 nos cursos AFD e 20 no taller de emprego.

 A convocatoria deste ano para os cursos AFD pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego, con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra como a soldadura, servizos administrativos, xestión comercial ou deseño de caldeiraría e estruturas metálicas.

 Tamén pon o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. Ademais ofrece un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

No Concello de Carballo impartiranse 5 cursos AFD organizados polo concello cun apoio da Xunta de máis de 350.000 euros e contará tamén con outro apoio para a organización dun obradoiro de emprego de 531.000 euros. Por outra banda, a Xunta financia outros 23 AFD en 6 entidades privadas deste municipio por un importe de 1,2 millóns de euros.

Trenor agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos e a súa experiencia para outorgarse máis oportunidades no mercado en dous sectores que cada vez teñen máis demanda”.

O delegado da Xunta considerou de “gran importancia” estes talleres e asegurou que hai un “gran compromiso” por parte da Xunta co fomento do emprego e o ofrecemento de ferramentas “útiles” que axuden á formación. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida dás persoas. Non só porque poden aprender un oficio, ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”, engadiu.

O representante do Goberno autonómico subliñou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns destinaranse ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis que en 2023. Con este investimento, entre outros, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas relacionadas coas novas tecnoloxías: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

Así mesmo, concretou que a Xunta seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, as microcredenciais, un sistema polo que se avoga en Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais das persoas traballadoras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023