A Xunta axuda con ata 12.000 euros para dixitalización a preto de 100 establecementos turísticos da provincia

En total, o goberno autonómico investirá 1.5 millóns de euros nesta iniciativa

O delegado territorial visitou o Hotel Sena de Caldas de Reis que instalou grazas ao aporte da Xunta un sistema informático de xestión das reservas

Reguera sinalou a importancia destas actuacións que animan a moitos empresarios a adaptar a súa forma de traballar e mellorar a súa produtividade

Caldas de Reis, 14 de novembro de 2023 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá un establecemento hoteleiro en Caldas de Reis que recibiu unha axuda da Xunta de 12.000 euros para dixitalizar os seus procesos. En total, o goberno local investirá 1.5 millóns de euros nesta iniciativa.

En concreto, Reguera visitou o Hotel Sena que utilizou o aporte da Xunta para instalar programas informáticos que lles permiten automatizar os traballos de xestión de reservas e organización dos servizos que ofrece.

Neste sentido, os responsables do establecemento sinalaron o “enorme avance” que supón esta nova forma de traballar, que lles permite unha maior coordinación entre todos os involucrados no servizo.

Reguera quixo poñer en valor a importancia destas axudas que en moitos casos son “o empuxón que precisan os empresarios para actualizar os seus métodos de traballo”. Ademais o delegado territorial explicou que “é comprensible que moitas empresas se mostran reticentes a modificar as rutinas coas que levan traballando toda a vida, por iso son importantes estas actuacións autonómicas, porque unha vez proban as facilidades que brindan as novas tecnoloxías, danse conta de que actualizarse é un cambio a mellor”.

Estas axudas beneficiaron a un total de 95 establecementos na provincia de Pontevedra entre hoteis; axencias de viaxes; complexos de turismo rural; apartamentos turísticos; cámpings e establecementos de restauración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023