O conselleiro do Medio Rural, xunto ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o delegado da Xunta na Coruña, participou hoxe na entrega dos Premios Peme Carrefour

A Xunta remarca a importancia de coidar e reivindicar o produto agroalimentario galego, dende a orixe ata a súa distribución

José González puxo en valor o traballo das pemes agroalimentarias rexionais e locais, así como o das cooperativas agrogandeiras, insistindo na necesidade de prezos xus-tos, que garantan a rendibilidade e o futuro destas explotacións

De Leite Río, premiada xunto a Disiclin co Premio Peme Carrefour, resaltou o seu incremento de volume e cota de mercado garantindo a calidade do leite e a súa orixe

O goberno galego aposta pola calidade no sector primario, con iniciativas incluídas na Lei de recuperación, as estratexias sectoriais ou a nova Lei de calidade alimenta-ria
 

A Coruña, 14 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá na entrega dos Premios Peme Carrefour.

Na súa intervención de clausura do acto, o titular do Medio Rural destacou o traballo que desempeña Carrefour á hora de achegar alimentos ás persoas, pero tamén co seu compromiso por facer crecer ás empresas produtoras que se atopan detrás dos produtos que venden. Neste sentido, o conselleiro felicitou a esta empresa polo medio século cumprido dende a apertura do seu primeiro hipermercado en territorio español.

José González aproveitou a ocasión para destacar que, con accións como a entrega destes premios, ponse en valor o traballo das pequenas e medianas empresas agroalimentarias rexionais e locais, así como o das cooperativas agrarias e gandeiras.

Recoñecendo o traballo de Carrefour neste sentido, o titular do Medio Rural insistiu na necesidade de seguir valorizando o produto autóctono, local e rexional, dende a súa orixe ata a súa distribución. E os prezos xustos e axeitados, remarcou José González, son “fundamentais para garantir a rendibilidade e o futuro das nosas explotacións agrogandeiras, que fan territorio e, polo tanto, fan rural”.

Apoio ao sector primario

O conselleiro valorou o sector primario como unhas das bases que sustenta a economía de Galicia e por iso o goberno galego o apoia con diversas iniciativas que axuden a producir con altos estándares de calidade. Entre elas, destacou a Lei de recuperación da terra agraria que entrou en vigor en 2021, e que xunto coas concentracións parcelarias leva mobilizado 35.000 hectáreas nesta lexislatura. Tamén puxo de relevo a futura Lei da calidade alimentaria que, actualmente, se atopa en vías de tramitación no Parlamento e coa que se quere conseguir unha nova dimensión no mercado para os produtos agroalimentarios galegos.

Ademais, falou das estratexias sectoriais deseñadas para impulsar os principais eidos produtivos do agrogalego, como é a do sector lácteo. O conselleiro do Medio Rural sinalou que é unha “panca de acción” que está a facilitar a consolidación definitiva deste eido produtivo a nivel nacional e internacional.

Nesa liña, felicitou ás empresas recoñecidas hoxe co Premio Peme Carrefour, Disiclin –“un exemplo de emprendemento no rural”- e Leche Río, da que sinalou o “bo facer” dunha empresa que está a medrar en litros vendidos, aumentando o volume e a súa cota de mercado. Este recoñecemento, engadiu, é un impulso máis para seguir garantindo a calidade do leite e a súa orixe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023