A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na inauguración da 1ª estación de servizo de Galicia con combustible 100% renovable impulsada por Repsol

Ethel Vázquez subliña que máis do 70 % dos autobuses da frota do transporte público autonómico conta coa etiqueta verde da categoría C e case o 22 % é eco

Vázquez Mourelle incide no compromiso pola descarbonización da mobilidade, que levou xa á Xunta a construír máis de 250 km de itinerarios cun investimento de 50 M€, que terán continuidade coas sendas metropolitanas como a que está a promover en Santiago

Remarca o esforzo titánico na renovación do transporte público autonómico, coa modernización de todas as liñas de transporte interurbano, pasando de 900 a máis de 3.500 na actualidade, e de prestar 1,48 millóns de servizos ao ano aos 2,3 millóns actuais

Incide no incremento da cobertura territorial do autobús autonómico, ao pasar de 20.0000 paradas ás 56.0000 o que permite que máis do 90 % da poboación teña un punto de acceso ao transporte público a menos de 1 km da súa casa

Coirós (A Coruña), 14 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que máis do 70 % dos autobuses que conforman a frota do transporte público autonómico conta coa etiqueta verde da categoría ambiental C e case o 22 % é eco.

 

Vázquez Mourelle, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe en Coirós na inauguración da primeira estación de servizo de Galicia con combustible 100 % renovable, impulsada por Repsol.

 

A conselleira puxo en valor o compromiso do Goberno galego nese obxectivo común e compartido con Repsol pola descarbonización da mobilidade. Esta aposta tense traducido nos últimos anos na construción de máis de 250 quilómetros de sendas para peóns e ciclistas cun investimento autonómico de 50 M€. Ademais, segundo indicou, terán continuidade e completarase coas sendas metropolitanas que se están a promover nas cidades, como a que conectará ou Milladoiro, a intermodal e o complexo de San Caetano, en Santiago.

 

A conselleira tamén fixo fincapé na aposta sen precedentes realizada pola administración autonómica polo transporte público como modo de transporte máis sostible, máis accesible e máis económico para o conxunto da cidadanía.

 

Ethel Vázquez referiuse ao esforzo titánico realizado na renovación do  transporte público autonómico, coa modernización de todas as liñas de transporte interurbano, pasando de 900 a máis de 3.500 na actualidade, e de 1,48 millóns de servizos ao ano a ofrecer na actualidade 2,3 millóns de servizos.

 

Isto, tal e como concretou a conselleira, permitiu multiplicar a cobertura territorial, ao pasar de 20.0000 paradas ás 56.000, achegando o transporte público a todos os galegos e permitindo que máis do 90 % da poboación teña un punto de acceso ao transporte público a menos de 1 km da súa casa.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta referiuse, ademais, á mellora das tarifas, abaratando con carácter xeral o prezo do billete e establecendo un amplo abanico de descontos que facilitan o acceso ao transporte público e incentivan o seu uso.

 

Salientou a medida social que supón a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 160.000 mozos de menos de 21 anos viaxan gratis no transporte público da Xunta, iniciativa á que a partir do 1 de xaneiro se sumará a gratuidade tamén para os maiores de 65 anos, co que Galicia volverá ser pioneira, incidiu.

 

A conselleira remarcou o compromiso do Goberno galego pola sustentabilidade ambiental, en liña cos obxectivos de desenvolvemento sostible e o Green Deal, o Pacto Verde que propugna a Comisión Europea, que significa avanzar tamén cara a unha maior calidade de vida.

 

Ethel Vázquez sinalou que o compromiso pola sustentabilidade ambiental levou á Xunta a poñer en marcha novas modalidades do transporte, como o transporte compartido que permite aproveitar as prazas baleiras do transporte escolar, e o transporte baixo demanda.

 

Puxo o acento, ademais, no impulso da renovación da frota, situándose hoxe a idade media dos autobuses que prestan servizo no transporte interurbano da Xunta en 5,7 anos de antigüidade fronte á media nacional, que supera os 11 anos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023