Promoción do Emprego destinará en 2024 máis de 33M€ a impulsar o traballo de persoas con discapacidade

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, aplaudiu os resultados do programa financiado pola Xunta para formar 262 persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento a través de Fademga Plena Inclusión

Vigo, 13 de novembro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, aplaudiu hoxe os resultados do programa de emprego  desenvolvido, co apoio da Xunta de Galicia, por Fademga Plena Inclusión Galicia por brindar formación a 262 persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, o que lles asegurará máis e mellores oportunidades laborais. A Consellería de Promoción do Emprego destinará máis de 33M€ en 2024 a promover o emprego inclusivo.

Lado destacou a relevancia deste iniciativa desenvolvida entre 2022 e 2023 por contribuír a mellorar as condicións de traballo das persoas con discapacidade na Comunidade e por poñer o foco nas súas habilidades e coñecementos, coa finalidade de poder preparalas para dar cobertura aos perfís que demandan empresas empregadoras.

Os piares do programa foron a información, a formación, a orientación profesional, as prácticas laborais e a intermediación, incidiu Lado, quen destacou que gran parte do éxito do programa radica na receptividade por parte das empresas, que se comprometen coa diversidade para contribuír a que estas persoas poidan avanzar na súa plena participación na sociedade e inclusión social.

O programa contou coa participación de persoas das catro provincias e é resultado do convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e CERMI Galicia (entidade da que forma parte FADEMGA Plena inclusión Galicia), para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade.

As políticas activas de emprego promovidas pola Xunta de Galicia buscan apoiar ás persoas con maiores dificultades no acceso ao mercado laboral. Iniciativas deste tipo, indicou a directora xeral, contribúen a aproveitar tamén este talento e a poñelo ao servizo do tecido produtivo.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2024 un total de 33,4 millóns de euros a apoiar e impulsar o emprego inclusivo a través de axudas á creación e mantemento do emprego en empresas de inserción e á creación e mantemento de postos de traballo en centros especiais de emprego; mediante a formación dual para persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental e con incentivos á contratación de persoas con discapacidade por parte das empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023