Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 2 M€ para ampliar o instituto Eduardo Pondal de Santiago

O conselleiro de Educación visita o centro, que será dotado de seis aulas máis, ademais de outros espazos

Está previsto licitar a actuación no inicio de 2024, no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que xa se realizaron unha trintena de actuacións

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o Instituto IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, onde anunciou un investimento de máis de 2M€ para ampliar o centro. O obxectivo é dotalo o centro de seis aulas novas e outros espazos, ao tempo que se remodela o edificio xa existente. Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, a previsión é poder licitar a obra no inicio de 2024 e poder executala para o curso 2025/26.

“Esta obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar os colexios e institutos e adaptalos ás novas necesidades derivadas do ensino do século XXI, tanto no que se refire á amplitude e versatilidade dos espazos como á súa eficiencia enerxética”, explicou. No caso do Eduardo Pondal “búscase xerar espazo educativo, cunha ampliación en aproximadamente 1.000 m², nunha zona con crecemento demográfico, adiantándonos ás necesidades que poidan xurdir”, sinalou o conselleiro.

Román Rodríguez destacou, así mesmo, o compromiso da Xunta coas instalacións educativas de Santiago no marco deste plan. “Non en balde a ampliación deste instituto súmase á trintena de actuacións desenvolvidas durante a execución do plan neste concello”.

A ampliación realizarase sobre o edificio existente, en tres andares. Na planta baixa situaranse catro das aulas de clase, cunha saída nova ao espazo exterior, mentres que na primeira estarán as dúas aulas restantes e unha de tecnoloxía. No semisoto situaranse un aula de música, almacén, sistema de telecomunicacións, un espazo cuberto de 140 m² con comunicación directa á nova pista deportiva e un novo soportal de saída á zona de patio para facilitar entrada e saída do centro, ampliando así os espazos cubertos do centro.

Mellora das instalacións existentes

O proxecto de ampliación tamén contempla actuacións no edificio xa existente como a reforma dos aseos e a súa mellora instalando, entre outros, un baño accesible; a substitución da cuberta da actual aula de tecnoloxía e a reforma da de plástica e diversos traballos de redistribución de espazos.

A maiores, ampliarase a biblioteca, substituiranse as caldeiras de gasóleo por unhas novas de biomasa, eliminaranse os estrados de madeira de varias aulas e acometeranse outras melloras no relativo á seguridade do centro. Finalmente, recolocarase a pista polideportiva descuberta e darase solución ao desnivel.

 

 

Data de actualización: 14/11/2023