A Xerente do Sergas participa na inauguración das xornadas de simulación de medicina avanzada en emerxencias que organizan a USC e Semergen

Estrella López-Pardo salienta a importante proxección internacional dun encontro no que se dan cita docentes de medicina de Ucraína, Xeorxia, Grecia e Lituania

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, participou esta mañá na inauguración da xornada de Medicina de simulación e aprendizaxe baseada na atención de emerxencias que organizan a Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen), dentro do programa Erasmus+.

Ante máis dunha vintena de profesores de países europeos como Grecia, Lituania, Xeorxia ou Ucraína, a xerente do Sergas chamou a atención sobre a guerra no país ucraíno, que non se adiviñaba no momento en que comezou a organizarse este encontro internacional. “Para os docentes de medicina ucraínos que están presentes aquí as xornadas non só teñen especial interese para a educación superior do seu país, senón que tamén suscita especial motivación o feito de ofrecer formación ao seu persoal sanitario-militar”, apuntou López-Pardo.

Coa finalidade de compartir coñecemento, tanto a USC como Semergen ofrecen formación en simulación en emerxencias Médicas e na abordaxe psicolóxica en catástrofes, coa participación do Colexio de Psicólogos de Galicia.

Data de actualización: 14/11/2023