A Xunta inicia as obras de mellora de 63 paradas de autobús en estradas autonómicas nos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago, Teo e Vedra

As intervencións, que suporán un investimento de máis de 1,8 M€, están a iniciarse nas paradas de autobús da AC-543 na zona da Barcia, en Santiago

En total actuarase en 2 paradas ao paso polo municipio de Dodro; 2 en Padrón; 7 en Rois; 8 en Santiago; 34 en Teo; e 10 en Vedra

Os traballos en execución incluirán a instalación de marquesiñas, a mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e o incremento da visibilidade e iluminación

Estas intervencións enmárcase no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

A Xunta vén de comezar as obras de mellora da accesibilidade e conectividade de 63 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas dos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra.

En concreto, estas obras están a iniciarse polas paradas de autobús situadas na AC-543 na zona da Barcia, en Santiago de Compostela.

Os traballos suporán un investimento global de máis de 1,8 M€.

As actuacións inclúen a mellora deste conxunto de 63 paradas de autobús no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de oito estradas, na propia AC-543, e noutras sete vías (AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, , AC-841 e AC-960).

Máis en detalle, as obras que se están a comezar permitirán mellorar 2 paradas en Dodro; 2 en Padrón; 7 en Rois; 8 en Santiago; 34 en Teo; e 10 en Vedra.

As intervencións consisten no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo arredor das paradas.

Ademais, as intervencións obxecto destas obras prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Como resultado da información pública, no proxecto definitivo adoptáronse varios cambios co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección, en especial, a accesos e a prazas de aparcadoiro.

Así, modificouse o deseño nun total de 7 paradas para adaptalas mellor á contorna. En concreto, estas modificacións inclúen variacións nunha parada en Urdilde; outra en Pontevea; nas de Cacheiras-Gardería e Cacheiras; nunha parada en Fontenla Campos; noutra no cruce de Sarandón; e na que se corresponde con Trobe 2.

Ademais, elimináronse do proxecto tres paradas: unha en Pontevea, outra en Samil e a terceira en Rois, dado que para súa mellora resultaba necesaria unha excesiva afección.

Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023