A Xunta preside unha nova reunión da mesa polo impulso da actividade económica de As Pontes

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, o alcalde das Pontes, e as tres organizacións sindicais volveron reclamar a Endesa o compromiso firme para o mantemento do emprego dos traballadores das auxiliares durante os traballos de pre-desmantelamento da central

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presidiu esta tarde unha nova reunión da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes, logo da celebrada a finais do mes pasado e na que se solicitara a Endesa a presentación dun cronograma para as labores de desarme da central térmica.

No encontro Xunta, Concello e parte social acordaron reclamar a Endesa que traslade ás empresas participantes no proceso de adxudicación dos traballos de pre-desmantelamento a necesidade de se comprometer co mantemento da totalidade do emprego das empresas auxiliares, ben a través da subrogación por parte da futura adxudicataria, ben a través de recolocacións. Así mesmo, acordaron que Endesa solicite a paralización dos procedementos de despedimento colectivo ata que se resolva o proceso de adxudicación dos ditos traballos de pre-desmantelamento.

No encontro participaron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, así como representantes de Endesa, da CIG, UGT e CCOO, da Confederación de Empresarios, da Asociación de Empresarios Seara, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes, así como da Xunta e do Instituto de Transición Justa.

Lorenzana volveu a insistir ao remate da Mesa  da importancia de contar cun cronograma que achegue certezas para todas as partes implicadas e permita acompasar as labores de pre-desmantelamento así como de desmantelamento da central térmica cos proxectos industriais e enerxéticos nos que se está traballando, logo do peche imposto polo Goberno central o pasado mes de agosto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023