A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausurou a Xornada de boas prácticas públicas sobre acción climática e enerxética

A Xunta salienta que Galicia se consolida como modelo das rexións europeas no desenvolvemento de accións climáticas en todos os niveis da Administración

Ángeles Vázquez incide na relevancia de implicar tamén nesta cuestión a todo o tecido produtivo da Comunidade con iniciativas como a posta en marcha a Alianza galega polo clima

Galicia tamén aposta polas enerxías renovables coa aposta por un desenvolvemento eólico ordenado e compatible co medio ambiente a través dunha avaliación ambiental garantista, rigorosa, transparente e baseada en fundamentos científicos
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia se consolida como modelo das rexións europeas no desenvolvemento de accións climáticas en todos os niveis da Administración.
 
Durante o acto de clausura da Xornada de boas prácticas públicas sobre acción climática e enerxética, organizado polo Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente (IIDMA), Ángeles Vázquez subliñou que o Goberno galego é moi consciente da importancia que ten a implicación das autoridades locais e rexionais no obxectivo de acadar os obxectivos climáticos marcados pola Unión Europea para loitar contra o cambio climático.

Nesa liña de ir “desde o local ao global”, a vicepresidenta segunda fixo fincapé no éxito de iniciativas como o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía. Na actualidade son xa 285 os concellos adheridos, dos que o 93% xa presentaron o Plan de acción polo clima a enerxía sostible (PACES), que é a folla de ruta indispensable para mellorar a eficiencia enerxética, utilizar enerxías renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións.

A maiores, Ángeles Vázquez incidiu na relevancia de implicar nesta cuestión a todo o tecido produtivo da Comunidade. Con este obxectivo, a Xunta puxo en marcha a Alianza galega polo clima, que conta xa con 95 entidades adheridas, entre as que se inclúen universidades, autoridades portuarias, clubs deportivas e empresas de diversos ámbitos.

E para seguir promovendo iniciativas públicas e privadas de adaptación ao cambio climático, a Xunta presentou recentemente a iniciativa Galicia Resiliente, un servizo pioneiro de asesoramento técnico en materia de clima que, segundo dixo a vicepresidenta segunda, contribuirá a consolidar Galicia como rexión líder nesta materia.

Durante a súa intervención, a vicepresidenta segunda tamén subliñou que, ademais das accións climáticas, Galicia tampouco se queda atrás na aposta polas enerxías renovables coa aposta por un desenvolvemento eólico ordenado e compatible co medio ambiente a través dunha avaliación ambiental garantista, rigorosa, transparente e baseada en fundamentos científicos. Este procedemento garante a total compatibilidade coa conservación do noso patrimonio natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023