Preto de 100 profesionais dos centros de información á muller de Galicia participan na formación en atención a persoas LGTBI

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe na primeira das sesións presenciais desta iniciativa que se celebrou na EGAP, en Santiago de Compostela

O obxectivo desta actuación, ademais de prestar unha atención máis especializada a este colectivo, é previr a LGTBIfobia

Estanse a impartir un total de 12 horas de formación distribuídas en tres xornadas virtuais e dúas presenciais ata decembro

Rematada a formación telemática, a presencial comeza hoxe e levarase a cabo nas catro provincias galegas

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

Preto dun cento profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller (CIM) están xa a recibir formación en materia de atención ás persoas LGTBI no marco da iniciativa que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de aproveitar a experiencia dos CIM para apoiar este colectivo e traballar na sensibilización e prevención das actitudes LGTBIfóbicas que lles afectan.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, asistiu hoxe á primeira das sesións presenciais desta iniciativa que tivo lugar na Escola Galega da Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. O curso estrutúrase en tres xornadas virtuais e dúas presenciais. A formación virtual rematou a semana pasada e as presenciais celebraranse nas catro provincias galegas. A de hoxe, na EGAP, tamén tivo lugar na delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Nestes dous emprazamentos volveranse repetir o vindeiro 18 de decembro. Ademais, as delegacións territoriais de Lugo e Ourense acollerán as mesmas sesións mañá, 14 de novembro, e o 19 de decembro.

A comunidade conta con 84 CIMs, recurso esencial no traballo coas persoas, pola súa proximidade e pola súa consolidación nas contornas -sobre todo rurais- onde atenden unha media de 9.500 usuarias ao ano.

Entre outros asuntos, imparténse módulos sobre a información legal en materia LGTBI, análise de casos de discriminación, recursos existentes e protocolos de actuación e debate e propostas para a mellora na atención a estas persoas.

O Goberno autonómico está a traballar por unha Galicia diversa na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos reforzando os recursos para enfrontar os retos que esixe a loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e combater cunha ferramenta eficaz o discurso do odio.

Galicia é referente por contar cun marco legal propio que consolida o principio de igualdade entre o colectivo LGTBI. Tamén conta cun Observatorio neste ámbito e un Foro de Identidades e Disidencias Sexuais promovido en colaboración co Consello Galego da Cultura que pon o foco na educación en igualdade.

A nova Lei da igualdade (en tramitación parlamentaria) acabará de blindar o compromiso de Galicia coa tolerancia cero ante calquera discriminación por razón de sexo, xénero ou identidade sexual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023