Rivo presenta a estratexia de impulso ao emprego autónomo coa que estimulará a competitividade e a calidade dos seus proxectos empresariais

A Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027 contará cun orzamento de 360 millóns de euros ata 2027, o dobre da súa predecesora

Foi elaborada coas achegas da Mesa do Emprego Autónomo, na que están representadas as principais entidades do colectivo

Axudará a consolidar a Rede de polos de emprendemento integrada xa por 11 centros en activo e inclúe a cota cero para novas altas de autónomos durante un ano

Entre outras medidas, artella paquetes de inicio do autoemprego que combinarán formación, asesoramento e axudas ao investimento

A estratexia de autónomos anterior, vixente entre 2017 e 2020, favoreceu cerca de 17.000 novas altas neste réxime
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

A nova estratexia Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027 rexerá as políticas públicas de apoio ao traballo autónomo durante os próximos anos. Farao a través dun marco que pretende fortalecer o ecosistema competitivo do traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos, tal e como puxo de relevo a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, no acto da súa presentación celebrado na Fundación Laboral da Construción.

A representante autonómica destacou que o documento foi resultado dun proceso participativo no que a Xunta colaborou coas principais entidades do colectivo representadas na Mesa do Emprego Autónomo (UPTA-Agtamar, ATA e APE).

A nova Axenda conta con máis de 360 millóns de euros de orzamento e estará artellada en 3 eixos de traballo para potenciar a calidade dos novos proxectos de autoemprego,  fortalecer o ecosistema competitivo do emprego autónomo e avanzar no marco de cogobernanza para dinamizar este emprego.  

Tal e como subliñou a conselleira, a Axenda permitirá seguir a impulsar a Rede de polos de emprendemento, que conta na actualidade con 11 centros activos. Tamén inclúe a nova medida de cota cero para os autónomos que se activará a partires de xaneiro para as novas altas rexistradas entre o 30 de setembro de 2023 e a mesma data de 2024.

Entre outras novidades apuntadas por Rivo, destacan as ferramentas deseñadas para impulsar a actividade destes profesionais e axudalos na posta en marcha dos seus negocios. A Xunta de Galicia creará así o Espazo Crece Autónomo, para a formación de calidade especializada e o impulso dun espazo virtual de demostración de sistemas tecnolóxicos e de mercado. E ofertará, por outra banda, o Paquete de inicio do autoemprego, que combinará cualificación, asesoramento e axudas ao investimento.

A Xunta seguirá ata 2027 a reforzar as liñas de axuda específicas para o inicio de actividade, a xeración do emprego por parte dos traballadores autónomos e a conciliación. Tamén incidirá na mellora da seguridade e saúde laboral e no benestar destes profesionais e impulsará a remuda xeracional como fórmula de mantemento dos negocios tras a xubilación das persoas titulares.

A nova Axenda incardínase no Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 para definir as liñas mestras a desenvolver para impulsar o emprego autónomo en Galicia ata o ano 2027.

Durante a anterior Estratexia Autónomo 2017-2020, e a pesares de coincidir coa pandemia, a Xunta apoiou a incorporación ao emprego autónomo de 16.704 persoas -3.913, menores de 30 anos- cun investimento global de máis de 160 millóns de euros, lembrou Rivo.

A peche de outubro, a comunidade galega sumaba máis de 214.000 profesionais autónomos de alta no réxime especial e do mar. Galicia é cun 20% do total de afiliados a 1ª comunidade con maior peso deste colectivo no total de cotizantes a nivel estatal e a 2ª con maior presenza de mulleres, que supoñen o 41% do colectivo.

“O traballo autónomo é piar esencial para o crecemento económico e social de Galicia,  coa paixón, determinación e habilidades únicas, os seus profesionais son motores de innovación permanente e axentes do cambio”, afirmou a conselleira de Promoción do Emprego, quen lembrou que moitas das micro e pequenas empresas existentes en Galicia están lideradas por traballadores por conta propia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023