Román Rodríguez destaca o Polo Creativo do colexio San Tomé de Cambados como un impulso á mellora das competencias tecnolóxicas do alumnado

O conselleiro de Educación visita este espazo, que está dotado de material electrónico, de robótica e pequena ferramenta

A Xunta está a estender estes recursos a máis de 1.200 centros, cun investimento próximo aos 19M€
 

Cambados (Pontevedra), 13 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio CEIP San Tomé de Cambados, onde comprobou o dinamismo do Polo Creativo instalado neste centro, “un espazo para o que este curso se abren novas posibilidades de fomento das competencias tecnolóxicas do alumnado”, salientou.

Neste contexto, a Consellería acaba de poñer en marcha unha Rede de apoio aos Polos Creativos, conformada por 35 docentes “que desde os centros de formación e recursos do profesorado realiza labores de asesoramento”, explicou o conselleiro.

Tal e como detallou, esta nova rede está integrada por profesionais que contan cun perfil técnico con experiencia previa na xestión destes espazos, que se van encargar tanto de desenvolver actividades formativas específicas como de ofrecer apoio para que o profesorado de cada centro poida facer o máximo aproveitamento do seu Polo Creativo, explorando todas as súas posibilidades.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou, ademais, a vontade do Goberno galego de que estes espazos transcendan o ámbito meramente educativo, de tal forma que poidan implicar ás nais e pais e á contorna na súa actividade.

No transcurso da visita Román Rodríguez coñeceu de primeira man as diferentes iniciativas que o alumnado do San Tomé está a experimentar no Polo Creativo. Para iso, ademais de co apoio dos seus docentes, contan cunha dotación de equipamento que comprende un kit de electrónica e robótica, tabletas, xogos de construcións, sistemas de iluminación e gravado de audio, así como equipos de plastificado e corte e de pequena maquinaria e ferramenta (como un taladro de batería con xogo de brocas, un sistema de aspiración de seco e húmido semiprofesional, unha placa de indución...), entre outros recursos.

Expansión a máis de 1.200 centros

No marco da Estratexia educación dixital 2030, este curso a Xunta inicia a expansión dos Polos Creativos ao 100% dos centros galegos que imparten ensinanzas regradas de Educación Infantil, Primaria e ESO, tras comprobar o bo funcionamento dos 225 que se implantaron o pasado ano académico.

Isto supón a instalación deste espazos en máis de 1.200 centros, cun investimento próximo aos 19M€. Todos eles están dotados do correspondente material audiovisual, de electrónica e robótica, de tecnoloxía, téxtil ou de informática, con kits adaptados a cada nivel educativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023