A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou o avance das obras de execución dun gran centro de actividade administrativa que concentrará nun único espazo servizos da Xunta

Ethel Vázquez destaca que a comezos de 2025 estará rematada a 1ª fase da cidade de San Caetano, cun investimento da Xunta de 34 M€ para mellorar o servizo aos cidadáns e facer cidade en Santiago

Vázquez Mourelle sinala que as novas instalacións, na parcela que antes acollía a estación de autobuses, permitirán modernizar o espazo de traballo de case 700 empregados públicos e evitar un gasto en alugueiros de máis de 1,1 M€/ano

Trátase da 1ª fase dun proxecto máis amplo, que comprende os dous primeiros módulos do edificio, con máis de 12.000 m² e unha configuración para 7 unidades administrativas

Estes dous primeiros módulos seguirán o esquema de espiña de peixe, cun vestíbulo que conecta os distintos niveis, dando acceso aos dous bloques, que contarán cun patio interior

Concreta que as cimentacións están en plena execución e que en xaneiro se iniciará o levantamento da estrutura dos edificios

Pon en valor a transformación e ordenación de todo este ámbito da cidade que está a acometer a Xunta, tamén coas obras da avenida Rodríguez de Viguri, nas que inviste 1,6M€

Avanza a previsión de que este mes queden abertos ao tráfico os carrís de circulación, colocando logo o arboredo e as marquesiñas para que a obra quede finalizada este ano

Destaca a ampliación do carril bici ata a zona das Cancelas, que se sumará ao itinerario proxectado entre O Milladoiro, a intermodal e San Caetano, completando unha conexión que incluirá o complexo administrativo, o Multiusos do Sar ou os hospitais

Remarca que a Xunta está a investir preto de 160 millóns de euros para facer cidade en Santiago, entre estas actuacións e os 110 millóns de euros de ampliación e modernización do Hospital Clínico e da construción do Centro de Protonterapia

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou esta mañá que a comezos de 2025 estará rematada a 1ª fase da Cidade de San Caetano, cun investimento da Xunta de 34 M€ para mellorar o servizos aos cidadáns e facer cidade en Santiago.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou a evolución destas obras que comezaron en xullo para transformar en complexo administrativo a parcela que antes acollía a estación de autobuses e que quedou baleira tras a entrada en funcionamento da estación intermodal.

Vázquez Mourelle sinalou que o obxectivo é crear un gran centro de actividade administrativa que concentrará nun único espazo servizos da Xunta agora espallados pola cidade. Así, a sede da Xunta será a Cidade Administrativa de San Caetano, cunha imaxe renovada que responde a unha optimización de espazos e a unha maior integración estética e paisaxística na contorna.

Salientou que as novas instalacións permitirán mellorar a atención aos cidadáns, modernizar o espazo de traballo de preto de 700 empregados públicos, evitar un gasto en alugueiros de máis de 1,1 M€/ano e achegar valor engadido a este ámbito da cidade.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade detallou que as obras en execución se corresponden cunha 1ª fase dun proxecto máis amplo, que comprende os dous primeiros módulos do edificio, con máis de 12.000 m² e unha configuración flexible que permitirá albergar 7 unidades administrativas.

Estes dous primeiros módulos seguirán o esquema de espiña de peixe, cun vestíbulo para conectar os distintos usos e niveis, dando acceso aos dous bloques, que contarán cun patio interior con árbores. Cada un dos edificios disporá de 4 andares, 2 baixo a cota do acceso principal desde a praza de Camilo Díaz Valiño e outros 2 sobre esa superficie.

O complexo administrativo contará con cubertas axardinadas e solucións para acadar a máxima eficiencia enerxética, seguindo os principios do Nearly Zero Building, unha técnica construtiva que procura a máxima xeración de enerxía, case autónoma, cunha instalación de xeotermia e paneis fotovoltaicos na cuberta.

No que se refire ao avance das obras, a conselleira precisou que ata agora se traballou nas perforacións verticais de todos os pozos necesarios para a xeotermia do complexo e se empezaron as cimentacións da estrutura que están en plena execución.

Adiantou que en xaneiro se iniciará o levantamento da estrutura dos edificios, se as condicións meteorolóxicas o permiten.

Ethel Vázquez tamén se referiu aos axustes realizados para gañar unha maior integración da sede na contorna, que non modifican o substancial da obra, pero melloran a integración co actual complexo no deseño da pérgola da praza de Camiño Díaz Baliño ou abrindo máis o patio do edificio á avenida de Rodríguez de Viguri.

Puxo en valor a transformación e a ordenación integral de todo este ámbito da cidade que está a acometer a Xunta, tamén coas obras da avenida Rodríguez de Viguri, que supoñen un investimento de 1,6 M€.

Lembrou que estas obras prolongan ata San Caetano a reforma xa culminada da avenida de Lugo e adecúan a zona ao intercambiador de transporte que está en funcionamento.

Salientou, ademais, que se ampliou o alcance da obra, estendendo o carril bici ata a zona das Cancelas.

Adiantou a previsión de que no mes de novembro, se as condicións meteorolóxicas o permiten, quedarán abertos ao tráfico os carrís de circulación. Despois procederase á colocación do arboredo e das marquesiñas, de modo que a obra estará finalizada este ano.

Fixo fincapé en que esta actuación, xunto co itinerario proxectado entre O Milladoiro, a estación intermodal e San Caetano, permitirá completar unha conexión que incluirá o complexo administrativo autonómico, Área Central, o Multiusos do Sar ou os hospitais.

Enmarcou todas estas intervencións na aposta da Xunta por facer cidade en Santiago, con outros proxectos estratéxicos, como a ampliación e modernización do Hospital Clínico e a construción dun Centro de Protonterapia, cun investimento de máis de 110 M€; intervencións todas elas, dixo, que suman un investimento próximo aos 160 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023