A Xunta presentará á próxima comisión de prevención de riscos do naval unha análise técnica das causas de sinistralidade nas actividades empresariais do sector

A Comisión técnica e prevención de riscos laborais do naval, con representación da Xunta, sindicatos e patronal, reuniuse en Vigo para seguir a avanzar na mellora da xestión preventiva de riscos neste sector

Vigo, 13 de novembro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na reunión da Comisión técnica de prevención de riscos laborais no sector naval de Vigo, que se celebrou no Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) de Pontevedra, e á que tamén asistiron a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, responsables da Xunta a nivel provincial e representantes de Asime, CIG, CCOO e UGT e a Inspección de Traballo. No encontro acordouse a elaboración por parte da Xunta de Galicia dun documento técnico que aborde, entre outros aspectos, a análise das causas da sinistralidade en actividades empresariais relacionadas coa construción e reparación de buques e que será presentada na seguinte reunión deste órgano.

A xuntanza tivo como obxectivo recoller as propostas de todos os axentes implicados na prevención de riscos laborais para a mellora da xestión preventiva e avaliar a sinistralidade laboral do sector naval da ría de Vigo. Incidiuse na importancia de aspectos como a coordinación de actividades empresariais, as funcións dos recursos preventivos e a formación e concienciación a todos os niveis, especialmente dos mandos intermedios. 

Na comisión acordouse fixar a data (finais de xaneiro) e a designación das persoas que integrarán este órgano que, entre outros asuntos, avaliará e afondará nas causas máis comúns que orixinan os accidentes laborais neste sector co fin de concretar as medidas preventivas que poidan resultar necesarias para evitalos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023