Trenor destaca que 19 concellos da comarca de Santiago recibirán máis de 790.000 € para a mellora as súas instalacións e material deportivo

O delegado da Xunta visitou o pavillón municipal de O Pino no que se renovarán os vestiarios grazas a unha axuda de case 50.000 euros entre o 2023 e 2024, neste mesmo concello tamén está prevista a renovación do equipamento do ximnasio do polideportivo de Lameiro cun apoio do goberno autonómico de máis de 8.400 euros

Trenor informou que perante o éxito desta convocatoria que provocou que 22 solicitudes de entidades municipais foran desestimadas por esgotamento de crédito, a Xunta decidiu sacar unha nova convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir estas e outras novas peticións

O Pino (A Coruña), 13 de setembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de O Pino, Manuel Taboada, visitou o pavillón municipal no que se vai a levar a cabo a renovación dos vestiarios  grazas a un apoio da Xunta de 50.000  euros, este concello tamén recibirá outro apoio de máis de 8.400 euros para a mellora do equipamento deportivo do ximnasio polideportivo de Lameiro. Trenor informou que esta axuda encádrase dentro dunha nova orde de axudas subvencións da Secretaria Xeral para o Deporte  dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.

En total na comarca de Santiago foron 19 os concellos beneficiados por algunha das dúas liñas -instalacións ou equipamentos- ou con ambas as dúas. Concedéronse 31 axudas, que suman máis de 790.000 euros, entre a primeira e a segunda convocatoria desta orde, que mobilizarán un investimento, en colaboración cos concellos beneficiarios, de máis de 1,3 millóns. Concretamente, recibirán estes apoios os concellos de Ames, Trazo, Val do Dubra, Santiso, Touro, O Pino, Frades, Boimorto, Tordoia, A Baña, Melide, Padrón, Ordes, Santa Comba, Dodro, Brión, Toques, Teo e Vedra.

Trenor informou que o importe das subvencións serán o 80 % do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.

O importe total destas axudas ascende en Galicia a 8 millóns de euros se sumamos as dúas convocatorias que foron necesarias ante a alta demanda por parte dos concellos.

Deste xeito, a Xunta de Galicia sacou neste 2023 tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas. Ademais desta primeira orde para concellos de 8 millóns de euros; tamén cómpre destacar a orde para as instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50 % de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023