A Xunta e o Goberno asturiano organizan unhas xornadas para compartir experiencias no ámbito do desenvolvemento rural

A directora xeral de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na primeira xornada en Folgoso do Courel deste encontro, que conta co apoio da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia e de Red Asturiana de Desarrollo Rural

Pola mañá, os participantes visitaron a aldea modelo de Moreda, exemplo das ferramentas dispoñibles na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Os asistentes, entre os que se atopaban directora xeral de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural e o director xeral de Reto Demográfico do Principado de Asturias, analizaron os avances na materia dentro do novo programa LEADER 2023-2027, a través do que a Xunta disporá de preto de 58 millóns de euros para axudas
 

Folgoso do Courel (Lugo), 13 de novembro de 2023

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta e a Dirección General de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural do Principado de Asturias, co apoio da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia e a Red Asturiana de Desarrollo Rural, iniciaron hoxe no Folgoso do Courel unhas xornadas para compartir os avances no desenvolvemento do novo programa LEADER 2023-2027.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou nesta primeira xornada de hoxe acompañada pola directora xeral de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural do Principado de Asturias, Begoña López; o director xeral de Reto Demográfico de Asturias, Marcos Niño, e pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, entre outros asistentes de institucións e entidades de Galicia e Asturias. Este día serviu aos asistentes para coñecer un dos proxectos levados a cabo pola Xunta, a aldea modelo de Moreda, resaltando a utilidade da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Pola parte asturiana, coñeceuse a experiencia do Banco de terras do Principado.

Nesta xornada inaugural, os asistentes analizaron os resultados dalgunhas actuacións levadas a cabo polo goberno galego e polo asturiano para compartir experiencias na Estación Científica do Courel, que depende da Universidade de Santiago.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta e a Dirección General de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural do Principado de Asturias buscan con estas xornadas maximizar a aplicación dos fondos públicos e seguir mellorando, polas distintas partes, a súa xestión. Por iso, debatéronse novos acordos de colaboración e a elaboración e execución das bases e convocatorias das axudas LEADER. A Xunta dispón de preto de 58 millóns de euros para o período 23-27.

Mañá, as actividades do segundo día trasladaranse á Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, onde transcorrerá para seguir traballando no proxecto LEADER. Ademais, as xornadas inclúen unha visita para coñecer a iniciativas do ecocomedores no CEIP Plurilingüe de Riotorto.

LEADER 2023-2027

O novo período de aplicacións dos fondos da Política Agraria Comunitaria da Unión Europea supón o desenvolvemento do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) para España, aprobado en agosto do ano pasado e no que se incorporou o enfoque LEADER como unha intervención incluída dentro da cooperación.

Ante este enfoque, a LEADER ten que adaptarse e isto supón unha serie de retos en materia de formalización de novos acordos de colaboración entre os grupos de desenvolvemento rural, que son os protagonistas no programa LEADER, e os organismos responsables de cada comunidade autónoma.

Ademais, tamén se debe definir o modelo de participación dos grupos de desenvolvemento rural nas axudas neste novo período para que cheguen aos promotores e dean resposta aos obxectivos fixados nas estratexias de desenvolvemento local, no marco de políticas de emprego, crecemento económico, igualdade e inclusión. O obxectivo é que se convertan en elementos clave do desenvolvemento das zonas rurais onde traballan estes grupos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023