O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na inauguración do Foro Territorios Patrimonio, que celebra a súa sétima edición en Monforte de Lemos

Román Rodríguez afirma que o labor realizado pola Xunta na Ribeira Sacra nos últimos anos converteuna nun territorio “máis vivo, coidado e recoñecido”

Agradece a colaboración de todas as institucións e persoas para revitalizar a candidatura ante a Unesco e anima a facer “un impulso conxunto definitivo”

A cita no Parador reúne ata mañá a algunhas das voces máis recoñecidas do momento no eido do patrimonio, o turismo sustentable e o futuro vinícola

Monforte de Lemos (Lugo), 13 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do Foro Territorios Patrimonio, que ata mañá celebra a súa sétima edición no Parador de Monforte de Lemos. A cita reúne a algunhas das voces máis recoñecidas do momento no eido do patrimonio, o turismo sustentable e o futuro vinícola arredor da Ribeira Sacra.

O representante da Xunta de Galicia agradeceu a colaboración e participación activa dos principais axentes implicados nesta paisaxe “para acadar un impulso definitivo a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco e acreditar con toda a forza o seu valor sobranceiro”. “Este é un dos grandes tesouros de Galicia e, grazas ao compromiso e o labor compartido nos últimos anos con concellos, expertos, sociedade civil e administracións, hoxe gozamos dunha Ribeira Sacra máis viva, máis coidada e máis recoñecida”, salientou.

Neste senso, o conselleiro de Cultura fixo un chamamento “para continuar na senda dun proxecto común que contribúa a reflectir con maior énfase a riqueza, a diversidade e o incalculable valor desta comarca”. “Todos debemos estar orgullosos do que levamos feito, pero é necesario seguir traballando e sumando esforzos para afrontar este reto de país e consolidar o gran potencial da Ribeira Sacra”, engadiu Román Rodríguez.

Así se fixo, tal e como explicou, coa celebración do encontro internacional Paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro a semana pasada en Nogueira de Ramuín. A isto súmase agora o VII Foro Territorios Patrimonio en Monforte, que a Xunta apoia dentro do seu compromiso coa comarca. De feito, desde 2017, o Goberno autonómico leva investidos 7,2 M€ para recuperar, mellorar, estudar, rehabilitar e garantir a conservación e posta en valor de 44 bens patrimoniais das provincias de Lugo e Ourense.

A sétima edición do Foro Territorios Patrimonio celébrase ata mañá no Parador de Monforte de Lemos cun programa que inclúe conferencias, mesas redondas, visitas e actividades dirixidas tanto a profesionais da cultura e do turismo como a estudantes ou ao público en xeral con interese en profundar nos retos e oportunidades da Ribeira Sacra nunha contorna internacional.

Ademais do conselleiro de Cultura, a esta cita tamén asistirán representantes da Xunta de Galicia como Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura, que participará na mesa redonda Fondos Next Generationna que se afondará na oportunidade destes fondos para o desenvolvemento de zonas rurais.

Data de actualización: 13/11/2023