A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo un encontro de traballo co rexedor, Jorge Cubela, no que trataron estas e outras actuacións de interese para o concello

Ethel Vázquez e o alcalde de Cerdedo-Cotobade abordan novos proxectos de mellora do saneamento no municipio

Vázquez Mourelle confirma que o proxecto para dotar de saneamento a novos núcleos da parroquia de Tenorio xa está supervisado e estase a ultimar o convenio entre Augas de Galicia e o Concello para a súa materialización

A conselleira adianta que a Xunta contratará a redacción do proxecto construtivo para a execución dunha depuradora en Viascón

Salienta que a Xunta someterá a información pública no segundo trimestre de 2024 o proxecto de mellora da PO-230
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, abordaron novos proxectos de mellora do saneamento no municipio.
 
No encontro de traballo que mantiveron en San Caetano, a titular de Infraestruturas e Mobilidade confirmou que o proxecto para dotar de saneamento a novos núcleos da parroquia de Tenorio que non dispoñen actualmente deste servizo municipal xa está supervisado e se está a ultimar o convenio entre a Xunta, a través de Augas de Galicia, e o Concello para a súa materialización.
 
Trátase de dar resposta á solicitude trasladada polo alcalde, para completar o saneamento aos núcleos de Covas, A Torre Vella e O Río Tenorio, unha vez se executou a mellora do saneamento da parroquia de Tenorio, cun investimento da Xunta de máis de 1,5 millóns de euros e que incluíu nova rede de colectores, bombeos e unha nova depuradora.
 
A nova intervención, que permitirá ampliar a rede de saneamento ata o lugar da Torre Vella e completar a rede actual de Tenorio, suporá un investimento de arredor de 295.000 euros.
 
Na xuntanza, a conselleira tamén adiantou que Augas de Galicia contratará a redacción do proxecto construtivo para a execución dunha depuradora na parroquia de Viascón, unha vez que o Concello xa ten realizada unha auditoría que acredita a necesidade de execución desta nova infraestrutura hidráulica.
 
Ademais destas intervencións para a mellora do saneamento, a conselleira e o alcalde abordaron outras actuacións de interese para o municipio, especialmente relacionadas con infraestruturas viarias.
 
A este respecto, Ethel Vázquez avanzou que, no marco de contrato de redacción de proxectos da Axencia Galega de Infraestruturas para a provincia de Pontevedra está previsto redactar o proxecto correspondente á mellora da estrada autonómica PO-230, que conecta Campo Lameiro e o lugar de Vichocuntín, no concello de Cerdedo-Cotobade. O obxectivo é poder sometelo ao trámite de información pública no segundo trimestre do vindeiro ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023