A Xunta activa a alerta laranxa por choiva no oeste da Coruña

Agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para hoxe a alerta laranxa por choiva no oeste da Coruña.  

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará este mediodía e agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm, que pode chegar puntualmente aos 120 mm. O resto da provincia, as Rías Baixas e o interior de Pontevedra quedan en alerta amarela, con precipitacións acumuladas de 60 mm. en 12 horas na área coruñesa, que poden chegar a 100 mm., e de 40 mm. na pontevedresa. Tamén está activada a alerta amarela por temporal costeiro en todo o litoral galego. 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. 

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos. 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023