O presidente da Xunta participa nunha homenaxe ao peregrino 438.808 deste ano

Rueda destaca o récord de peregrinos, alcanzado a mes e medio de que finalice 2023 e sen ser Ano Xacobeo

Subliña que a comunidade supere xa as 438.307 compostelas coas que se pechou 2022, que foi Ano Santo

Resalta o aumento nun 30 % dos peregrinos estranxeiros que xa representan máis da metade do total e a progresiva desestacionalización do Camiño de Santiago

Asegura que estas cifras consolidan Galicia como un referente do turismo sostible que demandan os viaxeiros

A Xunta destina máis de 141 M€ a mellorar, conservar e promocionar o Camiño cara o Xacobeo 2027

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia acaba de rexistrar máximos históricos de chegada de peregrinos ao superar xa as 438.307 compostelas emitidas ao peche de 2022, que era a cifra máis alta acadada ata entón. O titular do Goberno autonómico salientou o feito de superar esa cifra cando aínda queda mes e medio para rematar 2023 e tendo en conta que non é Ano Xacobeo.

Rueda, participou na homenaxe ao peregrino número 438.308 deste ano, que foi José Manuel, de 79 anos, e que percorreu máis de mil quilómetros pola ruta xacobea. O presidente galego recibiuno no Museo de Peregrinacións e de Santiago, e fixo fincapé na importancia deste novo fito do Camiño de Santiago, lembrando que hai só tres anos, en plena pandemia, o sector turístico foi un dos máis afectados polas restricións de mobilidade.

Nesta liña, asegurou que detrás das boas cifras que está a acadar o Camiño neste 2023 está o incremento en case un 30 % dos peregrinos estranxeiros -que xa representan máis da metade do total- e tamén fixo fincapé no aumento de peregrinos fóra da temporada alta, o que contribúe a desestacionalizar o turismo.

O presidente resaltou que esta cifra histórica de peregrinos confirma que Galicia se consolida coma un destino turístico sostible que inclúe todo o que demandan hoxe en día os viaxeiros: natureza, gastronomía e patrimonio cultural.

Ademais, Rueda destacou a importancia de seguir conservando e preservando as diferentes rutas xacobeas que son un dos principais motores do turismo en Galicia, contribuíndo a proporcionar “unha experiencia fantástica e única” para os milleiros de peregrinos que se deciden a recorrelas cada ano.

Con este obxectivo a Xunta xa traballa no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, unha folla de ruta cun centenar de accións destinadas a manter, conservar e promocionar esta ruta de peregrinación que conta cun orzamento de máis de 141 millóns de euros e que busca preparar a comunidade cara o vindeiro Xacobeo 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2023