A Xunta pon en valor a mellora da protección dos nenos galegos cun investimento de case 40 millóns de euros no programa galego de vacinación

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliña o reforzo do cribado neonatal, que inclúe ata 30 patoloxías, no marco do 73º Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia

Dende a Consellería de Sanidade impúlsanse actividades como o Plan de Obesidade Zero, que promoven estilos de vida saudables

Ferrol, 10 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no acto de inauguración do 73º Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia, que o investimento da Xunta no Programa galego de Vacinación duplicouse dende o ano 2020 e, neste ano, ten un novo incremento do 40 %, situándose preto dos 40 millóns de euros. Este incremento responde á incorporación nestes anos das vacinas da meninxite B, a bronquiolite, o rotavirus ou o herpes zóster, entre outras.

O acto de inauguración contou coa presenza, así mesmo, do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; así como do xerente do xerente da área sanitaria, Ángel Facio Villanueva; e a presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia, Susana Rey García.  

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou que a clara aposta do seu departamento pola prevención das enfermidades sitúa a Galicia como unha das comunidades co calendario de inmunización máis completo de España. Ao respecto sinalou que Galicia foi a primeira comunidade en adquirir e recibir as doses para levar a cabo a inmunización contra o virus respiratorio sincitial, un dos responsables da bronquiolite en bebés, patoloxía que provoca preto de 1.000 hospitalizacións cada ano na nosa comunidade.

Comesaña tamén remarcou o reforzo por parte da Xunta do cribado neonatal, que inclúe agora ata 30 patoloxías, fronte ás sete que incluía a carteira básica estatal.

Todas estas medidas compleméntanse, -concluíu o conselleiro-, coa aposta da Sociedade de Pediatría de Galicia pola formación e investigación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023