A Xunta pon en valor o potencial económico de ferrolterra na 8ª edición dos premios de AJE ao novo empresariado e a iniciativas emprendedoras da zona

 A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na entrega, onde puxo de relevo a colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia para impulsar o emprendemento e a xeración de emprego

 Lembrou que en Ferrol está emprazado un dos 11 polos de emprendemento e apoio ao emprego actualmente activos e que leva atendido máis de 160 persoas

Narón (A Coruña), 10 de novembro de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe en Narón na gala de entrega do VIII Premio Joven Empresario/a e Iniciativa emprendedora, organizado por AJE Ferrolterra. Alí puxo de relevo a colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE-Galicia) para impulsar o emprendemento e a xeración de emprego na comunidade galega.

Así, a directora xeral sinalou que esa colaboración se incrementará e inclúe a posta en marcha de medidas de asesoramento e titorización para a creación de empresas, a formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos.

Esa colaboración estenderase á Rede de polos de empredemento e apoio ao emprego, para que os socios de AJE poidan aportar mentorización ás persoas atendidas por estes centros. Nese senso, Ardao aproveitou para lembrar que Ferrol acolle un dos 11 polos activos na actualidade, tendo atendido xa a máis de 160 persoas -un 62% delas mulleres-, coas que se realizaron máis de 300 sesións de titorización para o éxito dos seus proxectos, entre os que destacan os relacionados co comercio.

Na súa intervención, a directora xeral puxo en valor esa Rede de polos de emprendemento, que vén de inaugurar esta semana novo emprazamento en Melide coa previsión de chegar a 15 centros antes de que remate o ano para dar servizo ao cen por cento do territorio galego. O obxectivo é prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras en calquera fase en que se atopen os seus proxectos empresariais, de principio a fin.

Cómpre engadir que o orzamento para darlle un pulo ao emprendemento increméntase nun 51,6% o ano que vén con respecto a este 2023, ata acadar os 30,6 millóns de euros. Dentro dese importe, inclúese 2,72 millóns para o mantemento dos Polos e 7 millóns en axudas para proxectos postos en marcha ao abeiro da Rede.

Así mesmo, cabe destacar os 10,5 millóns de euros de axudas para apoiar o inicio e a consolidación de iniciativas de emprendemento; os 2,2 millóns para a posta en marcha do Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego; 1,8 millóns para unha bolsa de substitución de negocios que garanta a remuda xeracional e a continuidade das empresas e case 1 millón para actuacións con entidades de cara ao fomento do emprendemento. A maiores, implementarase a Estratexia galega de emprendemento, cun impulso coordinado con todos os axentes implicados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023