O presidente da Xunta participou no acto de entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia ao deseñador Roberto Verino

Rueda destaca ao sector da moda como motor da economía galega e impulsor da reputación nacional e internacional da comunidade

Salienta a aportación da moda ao longo da historia á hora de introducir cambios sociais, industriais e económicos nun territorio


Resalta que Galicia ofrece certezas e estabilidade económica e política para promover que as empresas invistan na comunidade
 

Vigo, 10 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe ao sector da moda como un dos principais motores da economía de Galicia que contribúe a impulsar a reputación nacional e internacional da comunidade a través de produtos valorados polo seu deseño e calidade.

Durante a entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia ao deseñador Roberto Verino, o presidente salientou que do mesmo xeito que a comunidade galega foi quen de transformar a moda, o sector téxtil tamén axuda a transformar Galicia. Nesta liña, resaltou que a moda é un motor capaz de influír no conxunto da sociedade xa que introduce cambios sociais, industriais e económicos que marcan de forma decisiva e positiva a un territorio.

 

Apoio ao tecido empresarial

Rueda tamén resaltou durante a súa intervención o apoio da Xunta ao tecido empresarial para achegar certezas e garantías e que promovan proxectos na comunidade que contribúan a seguir construíndo unha Galicia potente e atractiva para investir. O presidente salientou o feito de que Galicia ofreza estabilidade política e económica ao aprobar, un ano máis, os orzamentos en tempo e forma e recuperar o nivel de PIB prepandemia antes que o conxunto de España. Ademais, o Goberno autonómico busca facilitar a implantación de proxectos con medidas ao abeiro da Lei de simplificación administrativa para reducir os prazos para a posta en marcha.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023