A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras de mellora de 64 paradas de autobús en estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas

As actuacións suporán un investimento de case 2,2 M€ e abranguen a mellora deste conxunto de paradas situadas en 14 estradas ao seu paso polos concellos de Ames, Brión, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Santa Comba, Vimianzo e Zas

As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación

Estas actuacións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2023

A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar as actuacións de mellora da accesibilidade e conectividade de 64 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas.

Estas actuacións nas rutas de acceso polo noroeste da cidade de Santiago suporán un investimento que rolda os 2,2 M€ e abrangue a mellora deste conxunto de 64 paradas de autobús situadas en 14 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia.

A través deste contrato, a Xunta levará a cabo o acondicionamento de 13 paradas en Santa Comba; 9 en Ames; 21 en Brión; 2 en Camariñas; 1 en Cee, 1 en Corcubión, 4 en Dumbría, 7 en Fisterra, 2 en Vimianzo; e 4 en Zas.

Os traballos previstos suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer os usuarios aí onde poida haber desniveis.

No eido das intervencións obxecto deste contrato, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se actuará na mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluídas neste contrato tamén prevén medidas de seguridade, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e da iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2023