A Xunta aposta pola cualificación de traballadores ocupados e desempregados a través do Plan Galego de Formación para o emprego dotado con 117 M€ en 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, inaugurou en Santiago de Compostela o congreso ‘Trainers for the future’

A Xunta promove cara o ano que ven a creación de un centro especializado en formación tecnolóxica na Cidade das TIC da Coruña

Consolidaranse as microcredenciais en tendencia en Europa, pequenas formacións flexibles para a reciclaxe dos traballadores en eidos demandados polas empresas

Santiago de Compostela, 10 de novembro 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, inaugurou hoxe o congreso nacional Trainers for the future, un evento organizado por e para a comunidade de formadores de España no eido da cualificación para o emprego apoiada pola Xunta.

Fernández puxo en valor a oportunidade que este encontro brinda para actualizar as tendencias no eido da formación na empresa e para o emprego e enfrontar os retos de futuro. Destacou a aposta que a Xunta está a facer pola actualización permanente dos coñecementos das persoas traballadoras en activo e dos desempregados para poder dar a resposta máis axeitada aos perfís que demanda o tecido produtivo.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2024 máis de 117 millóns de euros dos seus orzamentos ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis que en 2023. Con este investimento, entre outras actuacións, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas relacionadas coas novas tecnoloxías: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

O secretario xeral incidiu ademais na posta en marcha, por parte da Administración autonómica, de formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, as denominadas microcredenciais.

Tal e como indicou Fernández, Galicia está a situarse á vangarda deste sistema polo que avoga a Unión Europea que, entre outras vantaxes, brinda a posibilidade de actualizar coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, abrindo un novo abano de oportunidades laborais ás persoas traballadoras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023