O presidente da Xunta participou nos actos de conmemoración do 40 aniversario da empresa Kauman

Rueda aposta por simplificar trámites, asesorar e apoiar con financiamento ás empresas para consolidar Galicia á vangarda económica de España

Pon en valor medidas como a nova Oficina Económica de Galicia, que será unha canle única de interlocución coas empresas para prestarlles asesoramento técnico e personalizado

Destaca o labor das empresas familiares que apostan por “reinventarse sen renunciar a súa esencia”

Agradece a contribución do tecido produtivo a facer de Galicia “unha marca de prestixio” a través dos produtos que exportan por todo o mundo
 

Ponteareas (Pontevedra), 10 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe pola simplificación administrativa, o asesoramento personalizado e o apoio financeiro ás empresas como ferramentas fundamentais para seguir consolidando a posición de Galicia na vangarda económica de España. Así o sinalou durante a súa participación nos actos de conmemoración do 40 aniversario da empresa Kauman, nos que estivo acompañado pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

O titular do executivo galego puxo a esta industria ponteareá como un exemplo representativo de empresas familiares que apostan “por reinventarse” e que chegan a converterse en líderes no seu sector desde Galicia “sen renunciar a súa esencia”. Nesta liña, asegurou que “é un orgullo” ver como seguen a medrar as exportacións de empresas galegas, o que non só implica “emprego” para a comunidade senón que contribúe a promover Galicia como unha “marca de prestixio” a través dos seus produtos.

Así, eloxiou o papel das empresas e industrias galegas que contribúen a xerar riqueza e emprego e considerou que o papel do Goberno galego debe ser “dar facilidades e eliminar obstáculos”, ofrecendo certezas e prestando apoio.

Para conseguilo, destacou que a Xunta está poñendo en marcha distintas medidas como a futura Oficina Económica de Galicia, que se constituirá como a canle única de interlocución coas empresas para prestarlles asesoramento personalizado; a redución da burocracia; a mellora do acceso ao solo empresarial; ou o apoio económico, tanto para investimento inicial como a través de axudas a fondo perdido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023