A Xunta reforza a promoción de Galicia para o mercado de alto impacto turístico no Luxury Spain Conects de Londres

Presenta ante unha vintena de operadores especializados en turismo premium os activos da Comunidade galega para viaxeiros de alta capacidade de gasto
 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2023

Coincidindo coa feira internacional World Travel Market que se celebrou en Londres esta semana, a Xunta de Galicia está a afianzar tamén o destino entre segmentos de mercado de alto impacto turístico no mercado británico. A intención é seguir estudando fórmulas que axuden a atraer a Galicia a este tipo de viaxeiro de alta capacidade de gasto, dentro do seu compromiso por seguir afondando nun turismo de calidade e desestacionalizado.

Así, Turismo de Galicia participa no Luxury Spain Connects, un evento que reúne en Londres máis de 20 operadores británicos especializados en turismo premium. Nos diferentes encontros deuse a coñecer, promoveuse e potenciouse a Imaxe de Galicia para este mercado. Puxéronse en valor os numerosos activos cos que conta a Comunidade galega con experiencias e servizos de excelencia. Os reclamos culturais e de lecer, o patrimonio cultural e gastronómico, e enogastronomía, os xardíns históricos ou opcións de alto nivel en compras centraron parte das accións promocionais.

Coa participación neste encontro, a Xunta de Galicia busca afianzar contactos e ir modelando estratexias para atraer tamén a Galicia este tipo de turismo que está en auxe en varios destinos do mundo. Trátase dunha acción de promoción coa que a Xunta reforza o atractivo que está a ter Galicia no mercado internacional nos últimos anos, cun crecemento que supón que o turismo estranxeiro supoña xa o 30% da demanda turística de Galicia, as cifras máis altas desde que hai rexistros.

Accións consolidadas

Esta acción está enfocada especialmente, ademais, á atracción dun tipo de viaxeiro internacional de alto poder adquisitivo que estatísticamente realiza un importante número de viaxes ao ano, polo que contribúe a romper a estacionalidade turística, e que conta cunha alta capacidade de gasto no destino.

Á presenza no Luxury Spain Connects daráselle continuidade en decembro coa participación na ILTM de Cannes para este mesmo mercado, que se suma ás accións consolidadas nos últimos anos coa posta en marcha de experiencias vinculadas á enogastronomia e camelias ou a presenza en feiras como a Hampton Flower Show de Londres, especializada en mercado de alto nivel interesado por recursos naturais e xardíns históricos, entre outras propostas.

Data de actualización: 11/11/2023