Os directores xerais de Gandaría e Industrias Agroalimentarias e de Planificación e Ordenación Forestal responderon diversas preguntas na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta destaca que Galicia foi unha das primeiras comunidades en garantir indemnizacións para as mortes causadas no vacún pola enfermidade hemorráxica epizoótica

Así o resaltou José Balseiros, que destacó a xestión da Administración galega con respecto a esta enfermidade

Na súa comparecencia, José Luis Chan puxo de relevo o compromiso da Xunta co sector da castaña

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

O director xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento que Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en garantir indemnizacións ás explotacións afectadas pola enfermidade da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Actualmente a Consellería do Medio Rural está a traballar na redacción da orde anual para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades que se convocan para o ano 2024, na que que se incluirá, con carácter retroactivo, o dereito a indemnización pola morte de animais a consecuencia da infección pola EHE.

 

Na súa intervención, o director xeral tamén resaltou o labor da Administración galega, que realizou un monitoreo das últimas novidades desta afección, xa antes de que esta chegase á nosa comunidade, informando en todo caso ao sector da súa evolución. Ademais, o persoal veterinario da Consellería do Medio Rural fixo un seguimento exhaustivo das sospeitas clínicas en explotacións do noso territorio unha vez que apareceron os primeiros focos desta enfermidade en Galicia que, cos datos de hoxe, supuxo a morte de 76 vacas en Galicia.

 

Ao mesmo tempo, aplicáronse medidas como a prohibición do movemento dos animais con sintomatoloxía compatible, obrigando en todos os casos á desinsectación tanto das explotacións afectadas, como dos animais bovinos e ovinos localizados nas mesmas, así como dos vehículos de transporte de animais cando fora o caso. Así mesmo, fíxose unha comunicación proactiva tanto ao sector como á poboación da evolución da enfermidade a través dos medios de comunicación, sinalou José Balseiros. Tamén, o director lembrou que a EHE non afecta ao ser humano e que só se transmite aos animais a través dun mosquito -vector que se prevé que desapareza ca entrada de decembro-.

 
 
 

PAC 2023

Con respecto á PAC 2023, o director xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias afirmou que dende o primeiro momento no que se comezaron a planificar estas axudas europeas, a Xunta advertiu de que o seu deseño non era acaído para Galicia. Así é que a nosa comunidade autónoma foi quen liderou a esixencia ao Goberno central de adaptar os novos ecorrexímes recollidos na Plan Estratéxico da Política Agraria Comunitaria (PEPAC) 2023-2027 á España húmida, por medio de diversas xuntanzas e alegacións que, a pesar de acadar algunhas melloras, seguen sen estar adaptadas ás condicións galegas.

 

Ademais, o director destacou a complexa tramitación destas axudas, o que provocou queixas tanto por parte dos beneficiarios como polas entidades participantes no proceso. En todo caso, dende a Xunta, a través do Fodo Galego de Garantía Agraria, mantivéronse diversas reunións con responsables das entidades colaboradoras e tramitadoras e das organizacións profesionais agrarias, ademais de agricultores e gandeiros, para informalos sobre o proceso de tramitación e conciencialos da necesidade de acollerse a estes ecorrexímes, como parte fundamental destas axudas.

 

José Balseiros afianzou o compromiso do Goberno galego en continuar traballando en consonancia co resto de comunidades autónomas, ademais do Ministerio, para mellorar a política da PAC en prol do beneficio dos nosos gandeiros.

 

O sector da castaña

Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, trasladou na súa intervención o compromiso da Xunta co sector da castaña con accións como a elaboración do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, establecido na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia.

 

Nel defínense cinco eixos de actuación que se desenvolverán entre os anos 2022 e 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro, entre os que destacan o impulso da implicación dos titulares de soutos tradicionais de castiñeiro na procura dunha maior efectividade ou unha intensificación do desenvolvemento de programas de medidas de control fitosanitario e loita biolóxica. Con respecto a isto último, lévase actuando directamente sobre a sanidade dos soutos coa execución de máis de 160.000 inoculacións de cepas hipovirulentas contra o cancro do castiñeiro, cun investimento de máis de 4 millón, ademais de outras liñas como a loita contra a avespiña do castiñeiro, con preto de 10 millóns investidos.

 

Así mesmo, Chan precisou que a Xunta está a desenvolver distintas liñas para establecer novas plantacións, como o Plan piloto de fomento de xestión conxunta de soutos, desenvolto en sete zonas estratéxicas, co fin de pór en marcha ferramentas previstas na lexislación e planificación estratéxica do castiñeiro que se orienten á recuperación dos soutos por medio da súa xestión conxunta. Así mesmo, tamén hai liñas orientadas á recuperación de soutos tradicionais, ademais de diversas ordes anuais con liñas de axudas a masas de frondosas.

 

Por último, o  director xeral lembrou a Mesa da Castaña, que leva en activo dende o 2022 e que se reuniu por última vez o pasado 24 de outubro. Dende a súa posta en marcha, contribuíu a establecer un foro continuado de diálogo e traballo cos principais axentes relacionados coa castaña en Galicia; a estudar e impulsar medidas que contribúan ao fomento, promoción e mellora da castaña como produto forestal e ao seu aproveitamento sustentable; ou organizou, promoveu e dar apoio ás iniciativas do sector da castaña.

Data de actualización: 10/11/2023