A Xunta promove o impacto artístico do Camiño de Santiago na nova exposición Peregrinas ilustradas

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugura a mostra que poderá verse no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o 14 de xaneiro
 

É froito do traballo dos últimos seis anos nos que 15 ilustradoras recolleron coa súa mirada orixinal e diferente distintos itinerarios xacobeos
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago a exposición Peregrinas Ilustradas coa que a Xunta recompila o traballo de quince ilustradoras sobre distintos itinerarios xacobeos coa súa visión persoal e orixinal. 

Trátase dunha mostra que, como explicou Xosé Merelles, “demostra o elevado impacto artístico que tamén ten o Camiño de Santiago entre os profesionais da arte e a capacidade da ruta xacobea para impulsar a creatividade”. Agradeceu á súa comisaria, Gemma Sesar, a posta en marcha deste proxecto hai seis anos no que tamén se pon en valor o papel da muller na arte.   

A iniciativa xurdiu no ano 2017 cando se animou a distintas ilustradoras a interpretar distintos itinerarios xacobeos. Cada un dos anos plamouse a riqueza paisaxística e cultural de rutas como o Camiño Portugués da Costa, o Camiño do Norte, o Camiño Kumano, o Camiño Inglés e o Camiño de Inverno, cada un cunha identidade distintiva reflectida nas obras. 

Durante estes seis anos, obtivéronse máis de 200 obras ilustrativas, das que se amosa unha selección dunhas 60 ilustracións orixinais, xunto ás fotografías deste peregrinar e algunha peza audiovisual. Así, recóllese o traballo realizado polas ilustradoras Fernanda Lamelas, Teresa Ruivo, Isabell Seidel e Blanca Escrigas cando, en 2017, realizaron o Camiño Portugués da Costa, con debuxos dos lugares máis significativos de cada etapa, desde Porto pasando por Póvoa de Varzim, Esposende, Viana do Castelo, A Guarda, Pontevedra, Vigo, Caldas de Reis ou Santiago de Compostela. 

Arquitecturas vangardistas

No mes de xuño de 2018, as ilustradoras Celia Burgos, Ana Luisa Frazão, Maru Godás e Nanda Cabaleiro entraron en Santiago de Compostela a través de catro caminos diferentes e tamén o reflictiron nas ilustracións que recolle a mostra. Neste caso, recreáronse espazos como as Brañas do Sar, o Parque da Alameda, o de Bonaval ou a singular arquitectura da Ponte Mantible.  

Peregrinas Ilustradas conta tamén con Ana Grasset, Pilar Barral, Amelia Palacios e Aurora Villaviejas, que realizaron o Camiño do Norte desde Bilbao a Santiago de Compostela para plasmar coas súas acuarelas a arquitectura máis vanguardista deste itinerario. Inclúese o Museo Guggenheim de Bilbao, o Museo Botín de Santander, o centro Niemeyer de Avilés ou a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela ou o Centro Sociocultural da Trisca, obra de John Hejduk. 

A ilustradora Catalina Rodríguez Villazón participou no ano 2019 coa súa aventura no Camiño Kumano, na península xaponesa de Kii e irmandado co Camiño de Santiago desde hai décadas, que a levou a percorrer e debuxar os tres santuarios chamados Kumano Sanzan que se poden ver na mostra. Tamén se recollen os traballos de Maru Godás e Roisín Curé na súa travesía polo Camiño Inglés con acuarelas e tamén con obtas de gran formato en acrílico cunha vintena de obras. 

Ata o 14 de xaneiro

Peregrinas Ilustradas repasa tamén o traballo da iluistradora Rita Sabler que en setembro do ano pasado xunto ao debuxante Miguelanxo Padro percorreu o Camiño de Inverno desde O Barco de Valdeorras a Santiago e realizou un caderno de viaxe de cinco metros que resumen en 21 ilustracións todas as etapas alcanzadas.

Esta exposición producida por Turismo de Galicia poderá visitarse ata o 14 de xaneiro no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023