A Xunta incentiva a oratoria en galego entre a mocidade na entrega do I Premio de Podcast Ramón Otero Pedrayo

A estudante Raquel González Calvo recibe o primeiro premio polo podcast ‘O mundo en feminino de Otero Pedrayo’

O segundo e o terceiro premio son para Miguel Blanco e Naihara Darriba, por ‘As sete vacas da Tebra’ e ‘Aturuxo’

O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega destes galardóns impulsados pola Asociación de Amigos Otero Pedrayo

Amoeiro (Ourense), 10 de novembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega do I Premio de oratoria en formato podcast Ramón Otero Pedrayo, convocado pola Asociación de Amigos Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia e da cooperativa agroalimentaria Coren. O obxectivo deste certame, dirixido ao alumnado galego de entre 15 e 25 anos, é incentivar o cultivo da expresión oral e da oratoria entre a mocidade ao tempo que se lles redescubre a figura de Otero Pedrayo, mestre nesta disciplina.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitou para felicitar os tres gañadores “polos seus coidados traballos que amosan o interese que a figura dun grande das nosas letras como Otero Pedrayo segue espertando nas xeracións máis novas”. Ademais, Valentín García tamén gabou o labor realizado polas entidades organizadoras e colaboradoras con esta iniciativa “que demostra que a lingua galega é unha lingua moderna e válida para as novas formas de comunicación, como é o caso dos podcast”.

 

No acto, que acolleu a Casa Museo Otero Pedrayo, en Trasalba, tamén participaron o presidente da dita entidade, Eduardo López Pereira, e varios representantes da Asociación de Amigos Otero Pedrayo e da cooperativa Coren, así como as persoas premiadas.

 

Tres estudantes premiados

O primeiro premio, composto por un ordenador portátil valorado en 2.000 euros, 500 euros en produtos Coren e outros 500 euros en metálico, recolleuno Raquel González Calvo polo seu traballo O mundo en feminino de Otero Pedrayo. O segundo galardón, dotado con 500 euros en produtos Coren, foi para Miguel Blanco por As sete Vacas de Tebra e, por último, o terceiro premio, consistente en 250 euros en produtos Coren, recibiuno Naihara Darriba, polo podcast Aturuxo.

O xurado valorou tamén moi positivamente o traballo colectivo Aprendendo sobre Otero Pedrayo, elaborado polo alumnado do IES Milladoiro, mais a peza non puido participar na fase final do concurso polo incumprimento das bases, que establecían unha participación individual.

 

Os podcast participantes debían versar preferentemente sobre temas ligados ao universo oteriano como o medio natural, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023